O BNG demanda que se cubran as prazas de pediatría en Noia, Outes e Lousame

L. Veiga RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

Rosana Pérez
Rosana Pérez Martina Miser

As ausencias dos especialistas por vacacións ou baixas non se están a cubrir

27 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo parlamentario do BNG presentou unha proposición non de lei ante o que consideran «unha situación de desbordo da pediatría en Outes, Noia e Lousame».

Dende a organización política explican que, nestas últimas semanas, o único profesional de pediatría do centro de saúde de Outes está gozando das vacacións correspondentes, pero a súa vacante non se está cubrindo cun substituto. As crianzas son derivadas ao centro de saúde de Noia, cuxo profesional de pediatría leva de baixa dende antes do verán. Esta praza está sendo cuberta por unha médica de familia durante unhas horas na quenda de tarde e non conta con persoal de enfermaría. Por todo isto, moitas familias acaban sendo dirixidas ao ambulatorio de Lousame, que si ten pediatra a xornada completa de mañá, pero «completamente desbordada ao ter que atender a tres concellos: Outes, Noia e o propio Lousame».

Na iniciativa presentada instan á Xunta e a Sanidade a cubrir de xeito inmediato as ausencias dos centros de saúde de Outes e Noia e a dotar a este último do persoal de enfermaría que lle corresponde, rectificando así a situación de «desprotección aos nenos e nenas destes concellos» e as «carencias do servizo de pediatría na atención primaria pública galega en xeral».

Pola súa banda, fontes da xerencia sanitaria indicaron que neste momento os nenos de Outes reciben atención en Noia, onde o horario é de 8.00 a 21.00, sendo posible concertar unha cita sen superar os dous días de agarda.