Outes impulsa unha campaña para dinamizar o uso do galego a través do comercio

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

Alba Quintela, tenente de alcalde, e Luís Pérez, técnico de normalización lingüística, presentaron a campaña
Alba Quintela, tenente de alcalde, e Luís Pérez, técnico de normalización lingüística, presentaron a campaña CEDIDA

O Concello apunta que quere potenciar a súa utilización como distintivo de prestixio dos negocios locais

06 sep 2021 . Actualizado a las 16:52 h.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Outes puxo en marcha unha iniciativa que busca dinamizar o galego a través do comercio local. Baixo o título en Outes, en galego!, preténdese promover o uso desta lingua como a habitual nos negocios. Luís Pérez Barral, técnico de normalización lingüística, sinalou que a campaña promoverá o uso do galego entre comerciantes e clientes, destacando que o idioma «achega valores positivos que debemos resaltar, como son a proximidade, a calidade, a autenticidade e mesmo permite xerar postos de traballo».

A tenente de alcalde, Alba Quintela, indicou que «despois da boa acollida que obtivo a iniciativa de promoción e galeguización do comercio posta en marcha o ano pasado, decidimos retomar a iniciativa para chegar a máis veciños». Quintela destacou que o Concello ten compromiso co uso e dinamización da lingua galega en todos os ámbitos e con esta campaña fíxanse dous obxectivos: «Potenciar o seu uso como distintivo de prestixio do comercio local, dámoslle máis visibilidade e colaboramos co tecido comercial e hostaleiro».

Outra das metas deta campaña é colaborar activamente co comercia e a hostalaría, para fomentar o consumo que se fai nos negocios da localidade. Con este propósito distribuiranse gratruitamente materiais útiles e atractivos para os comerciantes e a clientela, tales como adhesivos, folletos explicativos e, entre outras cousas, bolsas de tea. «Esta acción permite establecer sinerxías e unificar esforzos na mellora da imaxe e da marca do tecido empresarial outiense», declarou a tenente de alcalde.

Ademais, o Servizo de Normalización Lingüística prestará asesoramente de maneira gratuíta a todos os negocios que desexen aumentar a presenza do galego no comercio, e facilitaranse estratexias e recomendacións de comunicación e de atención ao público.