Outes recupera a placa de Manuel Otero e A Pobra enxalza a Alexandre Bóveda

Laura martelo OUTES / LA VOZ

OUTES

María Dolores Martínez, sobriña de Manuel Otero, e Xoán Mariño, presidente de Terra de Outes, descubriron a placa conmemorativa
María Dolores Martínez, sobriña de Manuel Otero, e Xoán Mariño, presidente de Terra de Outes, descubriron a placa conmemorativa LAURA MARTELO

O elemento que recorda ao soldado no Freixo fora roubado en xullo

19 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación Terra de Outes, coincidindo coa conmemoración do Día da Galiza Mártir, rendeu homenaxe ás vítimas da represión franquista ante o monumento inaugurado no 2008 no Freixo. Mais non foi o único recordo que o colectivo quixo facer na tarde do martes, pois o principal motivo que levou aos trinta asistentes ao acto a acudir foi a reposición da placa conmemorativa ao soldado republicano Manuel Otero, único español que combateu no asalto inicial do desembarco de Normandía.

Esta placa foi roubada a finais de xullo e o presidente de Terra de Outes, Xoán Mariño, quixo remarcar que «este acto vandálico non representa outra cousa que un desprezo por todos os que sufriron na súa carne a represión franquista», e que a entidade que preside «volverá a repoñer a placa de homenaxe tantas veces como faga falta».

No acto estiveron presentes María Dolores Martínez, sobriña de Manuel Otero; o edil de Cultura e Xuventude de Outes, José Manuel Ramos, e Celia García, presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza. Ademais, o grupo As Lens puxo a nota musical á xornada.

Pola súa parte, na Pobra levouse a cabo unha ofrenda floral na rúa de Alexandre Bóveda. O concelleiro da Memoria Histórica, o nacionalista Xabier Santos, fixo fincapé na relevancia do Día da Galiza Mártir e describiu a Bóveda como «o motor dese primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia que nunca se puido levar adiante, que nunca se chego a desenvolver debido ao golpe de Estado de 1936».

Xabier Santos tamén lembrou que Bóveda «foi capturado aos poucos días do alzamento militar, sentenciado sen unha defensa xusta e fusilado no monte da Caeira, en Poio».