O BNG de Outes pide que se pare o parque eólico proxectado no monte da Pena e se modifique a lei eólica de Galicia

L. Martelo OUTES / LA VOZ

OUTES

María Xosé Suárez e Rosana Pérez na parroquia de Santo Ourente, nas inmediacións do monte da Pena
María Xosé Suárez e Rosana Pérez na parroquia de Santo Ourente, nas inmediacións do monte da Pena

María Xosé Suárez, voceira do grupo, explicou que pediron declarar ENIL a zona pola súa riqueza arqueolóxica, paisaxística e polos acuíferos que acolle

20 jul 2021 . Actualizado a las 19:35 h.

O BNG de Outes presentou onte a iniciativa lexislativa tramitada pola deputada no Parlamento, Rosana Pérez, co obxectivo de protexer o monte da Pena fronte aos proxectos eólicos previstos. Segundo explicaron, esta medida continúa as accións emprendidas polo grupo para declarar ENIL o devandito monte «baseándonos na grande riqueza arqueolóxica, paisaxística e, o máis importante, polos acuíferos que nel se atopan», destacou a voceira nacionalista María Xosé Suárez.

Pola súa banda, Rosana Pérez apuntou que no proxecto —que implica a construción de sete muíños en Outes e Negreira— «non se están a ter en conta as súas calidades» e supón «unha implantación de megaparques eólicos absolutamente invasiva e agresiva co territorio». Por iso, o BNG solicita a paralización cautelar do proxecto e estudalo en profundidade, así como avaliar conxuntamente todos os parques previstos en territorio outiense e elaborar un novo plan eólico para Galicia.