Roberto Vilela: «O proceso que se segue para tramitar os parques eólicos constitúe un atropelo»

laura martelo OUTES / CORRESPONSAL

OUTES

laura martelo

O voceiro da plataforma Os Quixotes argumenta que os proxectos, dunhas tres mil páxinas, se colgan nunha web

23 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Son moitas as voces que, como o valente fidalgo Don Quixote, levan anos amosando o seu desacordo cos proxectos eólicos promovidos por Green Capital Power en municipios como Mazaricos, Outes, Negreira ou A Baña. Facendo honor ao heroe creado por Cervantes na localidade outense de Valadares xurdiu unha plataforma veciñal, Os Quixotes, cuxo voceiro, Roberto Vilela (Arteixo, 1982), é a cara visible da preocupación polas repercusións destas actuacións nun entorno onde o campo é o pan de moitas familias.

Vilela chegou a Valadares coa súa parella tras unha década no Grupo Caamaño percorrendo media Europa. Ao pouco coñecéronse as primeiras informacións sobre os parques eólicos e O Resentido de Arteixo, como lle chaman os seus veciños, comezou a investigar e a informarse sobre as súas implicacións, un camiño que o puxo en contacto con outras asociacións da Rede Galega por Un Rural Vivo.

-Como nace esta plataforma?

-Nun principio, nace pola proximidade do parque eólico de Maragouto ás vivendas, porque se pretende implantar nunha concentración parcelaria que son uns terreos que a xente está usando para distintas explotacións. E despois hai unha zona dende aquí ao parque eólico O Vao e ao Sancosmeiro que é un brañal que diversas directivas europeas poñen en valor.

-Cales son as liñas de traballo da entidade?

-Nós, de momento, parque que sae na nosa área é parque que se alega. Hai pouco saíu o de Troitomil, que nos queda dous concellos máis para alá, pero pedíronnos axuda á hora de compartir alegacións, estratexias e información. Os proxectos saen nunha plataforma da Xunta e teñen tres mil páxinas. O proceso que se segue para tramitar os parques eólicos constitúe un atropelo. Aquí, porque coincide que hai xente que ten ganas, que ten implicación ou simplemente que ten os coñecementos para descargar o proxecto e lelo, pero están desamparados.

-Que foi o que o impulsou a tomar este camiño?

-Vaise montar un proxecto eólico nunha zona rural e os veciños nin se van decatar, é un atropelo. O que a min me parecía inxusto comprobei que era un abuso máis grande. Falando con compañeiros da Rede Galega vin que iso se podía extrapolar case a calquera concello do rural. Nós non estamos en contra das enerxías renovables nin dos parques eólicos, pero o tema está en facelo dun xeito ordenado. Non pode ser unha burbulla especulativa como pasou coa vivenda hai doce anos.

-Cal é o principal problema destes proxectos?

-O problema principal é a lexislación. Por un lado está a non ampliación da Rede Natura e por outro, a non ampliación dos futuribles terreos. O catálogo de humidais leva un par de décadas sen rexistrar novas incorporacións. Están traballando cunha lei do Plan Sectorial Eólico de Galicia que é do ano 1997 e que permitía a instalación de muíños a 500 metros das casas, cando esas torres medían 50 ou 60 metros, como pasa en Paxareiras. Pero agora miden 200 metros. Ordena o territorio, protexe o que tes que protexer e despois fai unha implantación acorde ás necesidades da comunidade autónoma. O que non podemos ser nós é a pila de España.

«Favorecen máis os intereses de empresas ca os da veciñanza»

Aínda que na zona existen unha decena de proxectos para a instalacións de parques eólicos, Os Quixotes están especialmente preocupados polo que afecta á zona de Banzas. Roberto Vilela argumenta que se trata dun espazo con gran valor natural e paisaxístico.

-Teñen contabilizados todos os proxectos?

-Levamos dous anos con iso e sabemos que están por un lado arrancando en Mazaricos o Sancosmeiro e O Vao; e en Outes, os de Maragouto e Banzas. Agora hai un tramitado polo Ministerio no monte da Pena do que aínda non saíu nada. Logo estarían Alvite I e II en Negreira e en A Baña, outros catro. E son todos da mesma promotora. Estamos falando de que en 60 quilómetros cadrados, ou en 70 sumándolle Tremuzo, Paxareiras e Corzón; sería a mesma potencia instalada que tiña Asturias hai dous anos, unha comunidade de 10.600 quilómetros cadrados. Parece unha barbaridade o que se está tramitando.

-Por que lles preocupa especialmente o parque de Banzas?

-En Banzas hai unhas brañas, unha turbeira que é dos hábitats prioritarios a nivel hídrico e nacen dous regatos que abastecen o bosque atlántico de Santa Locaia, pero deciden seguir adiante co proxecto eólico. Favorecen máis os intereses de empresas ca os da veciñanza.

-En que punto está o proceso de alegacións?

-Estamos á espera das respostas. Non só os veciños presentamos alegacións, tamén se sumaron asociacións ecoloxistas das máis destacadas de Galicia pola riqueza que ten o lugar.