Cuns, parroquia de Cando (Outes)

ISABEL SANTOSPASTOR RODRÍGUEZ

OUTES

27 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O topónimo Cuns atópase en dous concellos da Coruña: Serra de Outes e Coristanco, e tamén como apelido queda circunscrito á mesma provincia (Mazaricos, Outes, Santiago, A Coruña, Coristanco, etc.), malia que hai varios en Madrid, quizais orixinarios de Galicia. Se o apelido procede do topónimo, é ben certo que non se separou moito dos lugares que lle deron orixe, salvo no caso da mencionada Madrid.

Existen outros topónimos como Coedo, Cuña, Coído, e mesmo os referidos a rochas mariñas, como O Con e Cons, que ben poderían aludir a lugares elevados ou rodeados de pedras.

A raíz preindoeuropea *Kn, base do celta *konu, *koniu, de significado «pedra», e a palabra latina conus, con significado de «punta, en ángulo», están en consonancia coa semántica actual do penedo agudo: o noso con.

Cuns d´Aula nos Pireneos, o Cantábrico, as numerosas Canteiras, monte Cantorna en Fisterra, Cuneo (cidade edificada sobre a rocha e entre dous ríos) en Piamonte, e moitos outros poderían ter a mesma base con alternancia, todos eles sempre relacionados co elemento pétreo ou a altura.