«Meu pai tivo a idea das cabanas elevadas inspirándose nun galiñeiro»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

laura martelo

O complexo de Outes está formado por medio cento de chozas elevadas a seis metros

23 feb 2021 . Actualizado a las 22:55 h.

O Colexio de Arquitectos de España vén de situar a Outes no mapa estatal do deseño, concedéndolle a un dos seus negocios de aloxamento, as Cabanas de Albeida, o premio de Arquitectura 2020. As construcións forman parte dun complexo formado por sete parcelas nas que se distribúen medio cento de singulares chozas elevadas a uns seis metros do chan. Á fronte deste innovador e próspero modelo turístico, que no seu día foi pioneiro en Galicia, atópanse Manuel Lema e a súa filla Renata. É ela a que fai balance da intensa traxectoria da empresa e avanza tamén os plans de futuro.

-Unha traxectoria ascendente que parece non tocar teito aínda, cal é o segredo do éxito?

-Neste proxecto, o segredo do éxito é o turismo de proximidade, vender un produto que consiste nunha experiencia. É algo que funciona coa xente da contorna e con todos os grupos de idade, aínda que o noso público obxectivo son as parellas. O que ofrecemos é unha desconexión coa rutina en plena natureza e con todas as comodidades.

-Como xurdiu a idea das cabanas elevadas, que foron pioneiras en Galicia?

-Nós empezamos no sector do turismo no 2000, con casas rurais. Oito anos despois construímos as primeiras cabanas, pero no chan; as elevadas constitúen unha evolución froito de coñecer ao clientes. Meu pai tivo a idea das cabanas elevadas inspirándose nun galiñeiro da súa infancia, que estaba nunha árbore para evitar que o raposo comera as aves pola noite. No 2009, nunha visita a Brasil, volveu a ver que empregaban ese mesmo sistema para gardar as galiñas e viu claro que se podía adaptar ao sector turístico.

-Nesta traxectoria ascendente, cal foi o principal obstáculo?

-O máis difícil foi atopar o terreo axeitado, xa que no noso complexo, todas as cabanas están asociadas a unha árbore e elévanse uns seis metros, o máximo que permite a lexislación. Logo, ten que ser solo urbano de licenza directa. Cando empezamos perdemos dous anos de xestións porque acabaron denegándonos a licenza nunha parcela da nosa propiedade, pero que non era chan urbano.

-Cales son os principais atractivos que ofrecen as cabanas de Outes?

-O principal, durmir a seis metros de altura. A partir de aí, unha experiencia completo de contacto coa natureza para cargar pilas, con baño nocturno de hidromasaxe vendo as estrelas. Coidamos moito a localización de cada cabana, para que nunca se vexa unha desde outra, polo que a intimidade é total

-Hai enriba da mesa algún proxecto de expansión?

-Estamos cun proxecto novo para aquí para Outes, porque consideramos que é un municipio estupendo para a nosa idea de negocio. Tanto porque conserva a esencia do rural, con grandes superficies de plantas autóctonas, como pola súa localización estratéxica, a media hora de Santiago, unha da Coruña e 30 minutos máis de Vigo.

-Hai previsión de saír de Outes?

-Temos algúns contactos en Portugal, a onde nos gustaría chegar, e estamos estudando outras localizacións, pero todas fóra de Galicia. En Galicia, fóra de Outes, non temos interese en investir.

-Como está a afectar a pandemia a esa traxectoria ata o de agora ascendente das Cabanas de Outes?

-O certo é que nos sorprendeu a boa ocupación que tivemos tendo en conta as circunstancias. O verán foi como calquera outro. A caída brutal da ocupación chegou co peche perimetral de Outes. O covid fíxonos tomar unha serie de medidas que quedarán para sempre, servizos que fan que a estancia sexa segura, porque os clientes non teñen que ter contacto con ninguén.

-Como ve o futuro?

-Son optimista, se penso que este modelo de negocio non ten futuro, cal é o que pode funcionar? Penso que en canto se vaian levantando os peches perimetrias a xente volverá. Recoñezo que o ano pasado estaba máis preocupada, porque era unha situación nova, pero xa comprobamos que a xente volveu a viaxar e a consumir. Sairemos adiante.