A casa de cultura de Outes amosa elementos de palla convertidos en arte

laura martelo

OUTES

Laura Martelo

As pezas foron recollidas por Ramón da Torre, un veciño de San Ourente coñecido como Checky

24 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A palla pode converterse nunha forma máis de arte ao ser traballada. Boa conta disto dá a exposición que estes días se pode ver na casa de cultura de Outes e que permanecerá aberta ata o vindeiro 15 de decembro. Unha recollida de elementos tradicionais, tanto de vestimenta coma de obxectos decorativos, realizada por Ramón da Torre, un veciño de San Ourente coñecido como Checky que leva anos recollendo o saber popular das mulleres do lugar co apoio doutras entidades, como a asociación Xente de Santo Ourente.

Precisamente nesta parroquia atópase o berce do celebérrimo sancosmeiro, un chapeu tradicional empregado entre os habitantes do rural nas súas labores no campo e que se erixiu como un símbolo. Boa conta disto dan as diferentes vitrinas que aloxan espectaculares pezas artesanais, que non só se limitan aos propios sancosmeiros. Sombreiros, marcos de fotos ou chaveiros son algunhas das pezas que se poden admirar nesta tradicional colección propia de Outes.