Óscar García Ramos gaña o certame de poesía Francisco Añón de Outes

OUTES

sande

O noiés Manuel López conseguiu o accésit, compartido coa viguesa Bea Saiáns

14 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O veciño de Bergondo Óscar García Ramos fíxose co máximo galardón da vixésimo cuarta edición do certame Francisco Añón de Outes polo seu poemario Efectos fenotípicos do capitalismo. O xurado destacou a presenza dunha voz culta e intelectualizada en equilibro co xogo de referencias surrealistas no que se moven os versos. Desde o punto de vista do contido, salientou o tratamento que se fai do tema do espello desde moi diversas ópticas e o xogo mitolóxico.

Tamén na categoría estrela, a de maiores de 18 anos, o xurado decidiu conceder un accésit compartido entre a viguesa Bea Saiáns, por Se tivera un pau e gasolina e unha amiga, e un chisqueiro; e o noiés Manuel López Rodríguez, polo traballo CL. Deste poemario, destacouse a vontade de estrutura no libro, a idea da viaxe e a relación dialéctica que se establece.

Nas categorías restantes, os premios desta edición do certame promovido polo Concello de Outes, cuxo fallo se demorou nesta ocasión debido á pandemia, os galardoados foron: Tiago de Blas Sánchez, de Brión; Kiara de Blas Sánchez, de Brión; Mencía Domínguez Iglesias, de Ames; Noa de Blas Sánchez, de Brión; e Sandra Rodríguez Macía, de Chantada.

O xurado estivo nesta ocasión formado por Consuelo Gundín, profesora de Lingua e Literatura; Oriana Méndez, filóloga e poetisa; Ismael Ramón, escritor e filólogo; e Eva María Teijeiro, profesora de Lingua e Literatura e coordinadora do club de lectura da Casa Museo Manuel María.

O acto de entrega dos premios, así como a presentación do libro que recolle os poemas gañadores da pasada edición do certame, queda de momento aprazado por mor da pandemia.