Outes reivindica o Camiño da costa norte de Barbanza

A ría de Muros-Noia esixe ser recoñecida como porta de entrada de peregrinos


A reivindicación do antigo vencello entre Noia e Compostela e o papel fundamental que os concellos costeiros do norte do Barbanza tiveron na chegada de peregrinos por mar é a columna sobre a que vertebra a undécima Muiñada organizada por Terra de Outes. A presentación, que tivo lugar o mércores, comezou coa intervención de José Manuel Ramos, concelleiro de Cultura, Xuventude e Voluntariado, quen destacou o importante labor que tanto Terra de Outes como as dúas asociacións que colaboran coas xornadas, Portus Apostoli e Amigos do Camiño Ría Muros-Noia están a facer para dar a coñecer os camiños costeiros a Santiago.

Nesta mesma liña, o presidente de Terra de Outes, Xoán Mariño, quixo facer fincapé no esquecemento ao que se abocou a estes municipios e destacar a súa importancia histórica na chegada de peregrinos á capital compostelá. Tamén Francisco Calo, presidente de Amigos do Camiño Ría Muros-Noia, subliñou a singularidade do camiño de Outes ao recibir a peregrinos procedentes doutros puntos da bisbarra por mar.

Un dos piares sobre os que pivotan estas xornadas é a exposición O Portus Apostoli na ruta Xacobea, un traballo de recompilación de documentos históricos con fotografías de Suso Xogaina, quen durante a súa intervención a definiu como «un labor máis documental que fotográfico», É unha mostra que pretende amosar que o camiño de Muros e Outes xa existía no 1168.

Trala presentación da exposición, que estará ata finais de outubro, Quico Cadaval foi o encargado de aportar un toque de humor coas súas Historias do Camiño. O actor e director de teatro ribeirense despregou o seu característico humor con relatos sobre o Camiño de Santiago, as peregrinacións en diversas culturas e a idiosincrasia da diáspora galega.

Cambio no programa

Xoán Mariño anunciou un cambio na programación de mañá, na que a mesa redonda O Xacobeo como oportunidade de desenvolvemento económico terá lugar ás 11.00 no Náutico do Freixo e non ás 12.00 como estaba previsto.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
0 votos
Comentarios

Outes reivindica o Camiño da costa norte de Barbanza