Terra de Outes dedica a Muiñada ao Camiño

laura martelo

OUTES

MARCOS CREO

Diversos especialistas analizarán as posibilidades económicas que abren as rutas xacobeas

13 oct 2020 . Actualizado a las 16:56 h.

O Camiño de Santiago será o eixo da décimo primeira Muiñada promovida pola asociación Terra de Outes, unhas xornadas que arrancarán mañá e se prolongarán ata o domingo. Ao longo dunha serie de conferencias analizarase a importancia das rutas xacobeas, facendo fincapé no percorrido que descorre por Muros-Noia e que se atopa en fase de oficialización.

A inauguración das xornadas será mañá (casa de cultura de Outes, 19.00 horas) e incluirá a apertura dunha exposición de fotos de Suso Xogaina titulada O Portus Apostoli na ruta xacobea. O actor Quico Cadaval ofrecerá despois unha sesión de contos titulada Historias do Camiño.

Para o xoves (casa de cultura, 20.00 horas) hai programada unha conferencia a cargo de Jesús Picallo, presidente da asociación Solpor, sobre O exemplo do Camiño de Fisterra, á que lle seguirá unha mesa redonda sobre as reperecusións económicas que tería para Outes a oficialización do percorrido que atravesa Muros-Noia. Intervirán o empresario Manuel Lema; e o presidente e a secretaria da Asociación Turística Comarcal, José Senande e Noelia Rodríguez.

O venres haberá unha nova charla, neste caso sobre os historiadores Xerardo Agrafoxo e Pedro García Vidal, que falarán sobre O Portus Apostoli na ruta xacobea; e outra mesa redonda, na que se analizaran os pasos dados para a oficialización do camiño noiés. Estarán presentes o historiador e arqueólogo Mario César Vila e o presidente da Asociación de Amigos do Camiño da Ría Muros-Noia, Fran Calo.

Colofón con travesía

A secretaria xeral de Turismo, Nava Castro, sumarase o sábado (Club Náutico do Freixo , 12.00) a un faladoiro sobre o xacobeo como oportunidade de desenvolvemento económico, no que tamén intervirán Teresa Villaverde, alcaldesa de Lousame e presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, e o rexedor local, Manuel González.

A Muiñada de Terra de Outes concluirá o domingo coa realización dunha travesía a bordo de embarcacións tradicionais pertencentes á asociación. Será ás 16.00 horas.