De viaxe polas raíces femininas das Irmandades da Fala

Laura Martelo

OUTES

Laura Martelo

Aurora Marco presentou en Outes o seu libro «Irmandiñas»

27 sep 2020 . Actualizado a las 19:15 h.

Compañeiras de vida en moitos casos, pero moitísimo máis ca iso. Esa foi a idea principal desprendida do percorrido polas figuras femininas vinculadas ás Irmandades da Fala que Aurora Marco realiza no seu último libro, Irmandiñas. A autora, catedrática xubilada de Lingua e Literatura Galega da USC, achegouse ata a casa da cultura de Outes para presentar un traballo de investigación co que busca facer xustiza arredor de mulleres silenciadas que «participaron activamente» nas actividades culturais, políticas e filosóficas desta organización galeguista.

En palabras da autora, a razón para levar a cabo esta busca foi que «no centenario das Irmandades da Fala houbo multitude de actos, mais a presenza feminina brillou pola súa ausencia». Iso, a pesar de que era impensable que «nun movemento transversal coma foi o irmandiño non estiveran presentes máis figuras femininas».

No coloquio, que estivo organizado pola Asociación Terra de Outes e presentado polo seu presidente, Xan Mariño, Marco fixo un repaso dos distintos colectivos formados entre os anos 1916 e 1936 que contaron coa presenza de mulleres destacadas. O Grupo Feminino da Coruña -un referente para todas as agrupacións formadas no resto do país-, o Seminario de Estudos Galegos ou o propio Partido Galeguista foron algúns deles. A evidencia amosou o esquecemento da muller ao longo dos anos previos á Guerra Civil española, na que figuras como Micaela Chao, Xenoveva Casal ou Elvira Bao representaron a irrupción das mulleres como iguais. Como sinalou Marco ao finalizar a presentación, foron «mulleres que deixaron a leira decruada e a semente botada».