Abel Tomé: Un novelista que se baleira en cada letra

Orgullo Barbanzano | O outense recibiu o premio Illa Nova de Narrativa 2019 polo seu segundo libro, «A noite do lobo»

a. p.
Ribeira / la voz

Curta pero intensa. Poderíase describir así a carreira de Abel Tomé (Outes, 1984), que en apenas dous anos publicou un par de obras dignas de premio. A primeira, A noite do corvo, editouse no 2018 grazas a ser finalista do premio Illa Nova de Narrativa: «Estar entre os escollidos deume a oportunidade de que se interesaran polo libro». Naquel entón non sabía que ía ser o primeiro dunha triloxía. «Foi todo por casualidade. Decidinme a presentar o texto ó concurso, pero nunca pensara que mo ían publicar», comenta.

Tan só un ano despois, Tomé continuou o seu camiño na literatura coa publicación da súa segunda creación, A noite do lobo, gañadora do galardón no 2019. «Este premio axudoume a consolidarme», xa que, indica, «independentemente de que o libro sexa merecedor do recoñecemento, conseguilo asegúrache que estás escribindo algo bo». Isto supuxo para el un extra de confianza: «Ti podes pensalo ou crelo, pero o premio confírmacho. A min produciume unha gran satisfacción propia».

De cara a finalizar a triloxía, o veciño da Pontenafonso móstrase optimista: «As anteriores gustaron moito e espero que esta tamén. Teño esperanza e creo que vai ser unha novela rápida, porque xa está todo na cabeza». Esta é, posiblemente, unha das claves na escritura do outense. «Teño facilidade para redactar, fágoo moi rápido», e recoñece que sempre foi así: «Polo de agora nunca tiven unha gran ausencia de inspiración».

Mais a relatar haille que dedicar tempo, algo do que el carece: «De ter tempo escribiría moito máis e máis rápido, pero fágoo cando atopo un oco». Aínda que, confesa, tampouco é quen de pasar moitas horas diante do ordenador: «Nese sentido poderíame considerar un pouco vago».

Unha afección

Tomé admite que non ten manías e escribe só cando lle apetece: «Ao mellor media hora ou unha, non moito máis. Despois apetéceme facer outras cousas e déixoo sen problema», afirma.

A pesar do amor que hoxe revela por novelar, manifesta que é un interese que desenvolveu tarde: «Non é algo que arrastre dende cativo. Tiven unha profesora especial en cuarto da ESO e comecei nese curso. Deixeino de lado por distintos motivos e ao final acabeino retomando».

Aínda que lle encantaría vivir da literatura, sabe que é algo moi difícil nestes tempos: «Espero que algún día poida ser un traballo, pero polo de agora é unha necesidade emocional». Unha maneira de compartir o que sente: «Gústame crear historias e o que mellor se me dá é escribilas». De aí que o seu caixón estea cheo de vellos papeis repletos de contos. «Acabo de rematar unha historia, pero non me convence de todo como as anteriores», di, polo que non sabe que fará con ela e «ao mellor queda agochada», facéndolle compañía a outras obras: «Teño un par máis, pero sobre todo poesía». A falta dun último empurrón é o motivo polo que non se anima co cambio de xénero. «Creo que a miña non encaixa nos estándares da poesía galega actual», xa que, explica, «eu fago unha poesía moi sinxela, simple e directa. Por iso paso de ensinala».

Aínda que nunca se sabe, xa que este ano deu o primeiro xiro na súa carreira: «Acabo de rematar unha novela infantil-xuvenil. Veño da literatura adulta e custoume moito». Por primeira vez, Tomé experimentou nas súas carnes a pequena ausencia da musa que sempre o acompaña.

Identificación cos personaxes

Malia que poida parecer unha temática fantástica, hai moito de real nas historias de Tomé. A paisaxe e a sociedade de Galicia están presentes, pero tamén a súa propia persoa: «É imposible non identificarte cos teus personaxes». Confesa que moitas veces é el quen fala a través deles: «Boto todo o que levo dentro».

Aproveita para facer crítica social: «Teñen unha gran carga de reflexión íntima. Sempre a raíz de algo que lle sucede aos protagonistas aproveito para criticar». É o denominador común das obras: «Na primeira, ao inspector mátanlle á muller e condeno as calamidades, a prostitución, as drogas, as clases sociais, o machismo». Na segunda, máis do mesmo: «O cazador critica as guerras políticas». Cre que non involucrarse é «imposible. Aproveitas as palabras para baleirarte. Escribir é un desafogo».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Abel Tomé: Un novelista que se baleira en cada letra