Manuel González: «Queremos un concello rural e moderno, con facilidades para o emprendemento»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

marcos creo

A mellora da conexión mediante transporte público con Santiago e das comunicacións dixitais son dous dos eixos prioritarios

17 may 2020 . Actualizado a las 22:09 h.

Comezou na política con 19 anos, durante a súa etapa como estudante na Universidade de Santiago, na que se licenciou e doutorou en Economía para converterse despois en docente. Hai case un ano, Manuel González López (Outes, 1975) aparcou a súa actividade académica para coller o bastón de mando municipal nun goberno en minoría que obriga ao seu grupo a «matizar moitas propostas», pero que conserva a esencia do seu programa.

-Vese moi comprometido o proxecto de goberno de Compromiso Outes pola necesidade de chegar a acordos con outras forzas políticas?

-O noso proxecto está moi pegado á realidade de Outes. É una proposta de cambio profundo con respecto ao que había e a oposición tampouco a ve como moi afastada do que quería facer. Hai que chegar a acordos, pero o elemento central, que é proxectar Outes cara fóra, resulta asumible por calquera cidadán e partido político.

-Hai algún partido co que pensou que sería máis doado chegar a acordos e non resulta así?

-En liñas xerais, tratamos de manter a cordialidade. Por proximidade ideolóxica estaríamos máis preto do BNG, que é a formación que, quizais, é un pouco máis belixerante. Eu entendo que teñen que facer oposición e tamén sei por experiencia que resulta complicado.

-Que lle gustaría ter sacado adiante e veu freado?

-Traballábamos coa idea de facer un fogar residencial. Agora, visto o visto, igual non vai por aí a atención aos maiores. Tampouco é que ata agora tivéramos tempo material para levar a cabo moitas cousas. Estamos inmersos nun cambio do PXOM para incluír chan industrial, pero os procesos administrativos van máis lentos do que eu querería, e tamén coa oferta dunha escola infantil, aínda que se precisa dunha obra previa e estamos niso.

-Coñece ben a dinámica municipal. Muda moito a perspectiva cando se pasa da bancada da oposición a do goberno?

-Fun concelleiro en Outes con 27 anos e a idade tamén inflúe. As cousas vense moi distintas. O que me sorprendeu é o relacionado coa burocracia, o tempo que hai que agardar entre que se propón unha cousa e se pode levar a cabo. Cando queres poñer en marcha un servizo, como nós coa escola infantil, ves que transcorren moitos meses ata que logras facelo realidade. Outro aspecto é que os concellos temos moitas competencias, pero carecemos dos recursos. Hai moitos exemplos, a recollida de animais, que supón un importante custe mensual; a limpeza das franxas de protección contra os lumes, onde carecemos de capacidade de manobra nos terreos con herdanzas sen repartir, o mantemento dos centos de quilómetros de pistas que temos.

-Preocúpalle a perda de poboación, o efecto da que se denomina España valeira?

-Non me gusta ese concepto e Outes ten unha vantaxe estratéxica. Somos un municipio que permite unha calidade de vida grande. Houbo xente que veu pasar o confinamento. A calidade de vida das áreas rurais é moi importante. Estamos a 25 quilómetros de Compostela, trátase dunha vantaxe que queremos poñer en valor. En Galicia conviven o rural e o urbano, o cal é moi positivo. Queremos un concello rural e moderno, con facilidades para o emprendemento. Para iso hai que mellorar aspectos, como a conexión mediante transporte público con Compostela e as comunicacións dixitais. Moita da xente que veu a Outes con motivo do confinamento estivo teletraballando e carecía de boas prestacións. Nós estivemos facendo xestións para mellorar iso. Un lugar como este dispón de oportunidades, hai que traballar na mellora dos servizos.

-Unha das apostas do seu partido é o turismo. Unha crise sanitaria como a actual lévano a pensar nunha recondución cara a unha economía produtiva?

-O noso turismo é compatible coa economía produtiva porque é o oposto ás aglomeracións, que é o que vai levar o gran pau. Temos negocios hostaleiros que están poñendo en valor ese carácter rural do que estamos a falar. O turismo vai continuar sendo importante na nosa economía. Agora ben, nun territorio coma este é fundamental apostar pola produción agraria sostible e un sector gandeiro de calidade. Ao mesmo tempo, hai que apoiar á xente que quere volver a este tipo de actividade. Debemos apostar por todo o tecido produtivo.

-Falou do cambio no PXOM para habilitar chan industrial. Teñen preto o polígono de Muros con moitas parecelas valeiras.

-Outes ten unha anomalía, xa que houbo que anular o espazo que estaba destinado a chan industrial e queremos corrixir iso. Ter solo empresarial é unha ferramenta de ordenación urbanística, posibilita que as industrias que queiran medrar podan facelo. A área que barallamos é de corte comercial.

-E cando fala de favorecer o emprendemento, por onde van as propostas?

-Temos un proxecto para un centro de coworking. Pódense impulsar as pequenas empresas de servizos vinculadas a prestacións informáticas. En varios puntos do municipio xa temos fibra óptica. Imos facer do concello un lugar con servizos de calidade, que sexa atractivo para xente nova que desexe montar unha empresa. Na actualidade existen moitas variables.

-Tivo que renunciar a algunha iniciativa por falta de apoio?

-Somos cautos á hora de propoñer iniciativas se sabemos que non van ter o respaldo das outras formacións.

«Ter chan industrial posibilita que as empresas que queiran medrar podan facelo»

«O noso proxecto está moi pegado á realidade de Outes, é unha proposta de cambio profundo»

«Houbo unhas 150 firmas e autónomos afectados polo peche forzoso debido ao covid-19»

«É preciso poñer en marcha un plan de choque fronte ao impacto desta crise sanitaria»

Ás dificultades habituais do goberno o rexedor Manuel González tivo que engadir outra: o coronavirus e os seus efectos. Consciente da necesidade dun traballo en conxunto, a corporación formou unha mesa de traballo que avanzou algunhas liñas.

-Propoñen o plan Outes Recupera cuns 110.000 euros de investimento, que dan para pouco.

-Para un concello pequeno como o noso deberían chegar para abordar os tres eixos que consideramos determinantes: as axudas directas aos negocios e campañas de promoción comercial e turística. É preciso poñer en marcha un plan de choque fronte ao impacto desta crise sanitaria. Dispoñemos de máis recursos, temos remanentes de tesourería que non podemos gastar e á hora de investir recursos públicos hai que facelo de xeito efectivo.

-Mantivo varias reunións cos grupos, que valoración fai?

-Houbo moi boa sintonía. Puxémonos todos de acordo en impulsar a mesa de traballo e en avanzar nas liñas estratéxicas.

-O Concello ten aínda sen aprobar os orzamentos deste ano.

-Para impulsar o proxecto de reactivación económica precisamos aprobar os orzamentos e a oposición é consciente diso. Antes da crise sanitaria tiñamos un proxecto de plan económico elaborado para levalo a pleno a finais de marzo. Chegou o confinamento e non puido facerse. Está claro que, ante a nova situación, teremos que facer algúns axustes.

-Teñen calibrado como pode afectar a pandemia á economía global de Outes, que tampouco é un concello moi industrial.

-Segundo os datos dos que dispoñemos, houbo unhas 150 empresas e autónomos, das 700 radicadas no municipio, que se viron forzadas ao peche a consecuencia do decreto de estado de alarma para conter o virus. Iso xa da unha dimensión do efecto que tivo para o concello. A iso hai que engadir que outras moitas empresas estanse a ver resentidas polo descenso da actividade. A gran sorte que tivemos é que a campaña marisqueira, que ten aquí un importante peso, non se veu afectada. Xa estaba practicamente rematada. Sen embargo, hai unha parte importante do tecido produtivo que si está comprometida ou que viu como caía a súa facturación. Isto é un problema para o que temos que artellar alternativas. Non vai ser doado saír desta situación, pero debemos articular os medios para mitigar o impacto do sucedido nestes meses.