Terra de Outes supera as trabas e lanza a súa revista número 50

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA

OUTES

cedida

Unha ducia de colaboradores achegaron contidos de diferentes temáticas

23 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva 15 anos sacando á luz unha revista integrada por unha serie de colaboracións e nin sequera o coronavirus conseguiu frear a Terra de Outes. A entidade vén de lanzar un novo número, o 50, da súa publicación. Non foi posible, iso si, realizar o tradicional acto de presentación aberto ao público, pero o presidente da asociación, Xoán Mariño, botou man das redes sociais para amosar un exemplar e convidar á lectura das súas 40 páxinas.

A nova revista arranca cunha cuberta que é obra do pintor noiés Alfonso Costa. No interior, atesoura contidos variados, de temáticas como historia, arte, etnografía, saúde, viaxes, mar, literatura, deportes... Son artigos e entrevistas asinados polos colaboradores habituais de Terra de Outes: Xan García, Mingucho Campos, Pilar Sampedro, Xoán Mariño, Xosé M. Vázquez, Lidia Vicente, Ramón Blanco, Paz González, Xosé C. Añón, Alba Calo, Xesús Mato e Eloy Herbella.

Xoán Mariño explicou que o encerro dificultou o proceso de elaboración da revista, pois impediu as reunións do equipo de redacción, pero non que este novo número vira a luz: «Quixemos acudir puntualmente á cita cos lectores, superando as trabas como fixeramos xa cando tivo lugar a dura crise económica do 2008».

Os socios de Terra de Outes recibirán nos vindeiros días os exemplares da publicación. Xoán Mariño confía en que sirva tamén para levantar os ánimos: «Co esforzo realizado queremos acender unha pequena luz ao final deste túnel polo que estamos atravesando».