Olalla García: «Por sorte, estannos chegando estes días menos animais que de costume»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

OUTES

SANDRA ALONSO

Coas adopcións paralizadas, no refuxio preocupa que creza a actividade laceira

06 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cúmprense este mes dous anos dende que Olalla García (Outes, 1981) emprendeu unha nova etapa no Refuxio de Animais de Bando como a súa nova directora. Daquela non podía nin imaxinar -nin ela nin ningunha outra persoa- a situación na que se atoparían hoxe. As instalacións pecharon ao público o pasado sábado 14 de marzo, a causa da crise sanitaria provocada polo coronavirus, e resisten así, co persoal mínimo e imprescindible, despois de tres semanas.

«O parón na actividade foi gradual. Esa fin de semana [os días 14 e 15] foron adoptados oito animais que xa estaban reservados e listos para ir ao seu novo fogar. A partir de entón paralizáronse as adopcións, aínda que seguen funcionando os servizos de lacería», indica Olalla García con certa preocupación. Isto supón que se seguen recollendo das rúas e estradas os animais que andan extraviados, que son levados ás instalacións de Bando. «Por sorte, estannos chegando menos animais que de costume», di con alivio a directora do refuxio mentres fai contas. «Non sei se é que porque a xente non sae á rúa e non se atopa con eles, porque saen menos a pasear e non se perden tantos ou por que». Nestes 24 días de estado de alarma recibiron seis (dous deles tiñan chip e volveu cos seus donos) e un par de gatos (un foi reclamado tamén polos seus propietarios).

Explica Olalla que nestes casos fan unha excepción e permiten ás familias que acudan ata o recinto a polas súas mascotas. «O que xa non estamos é entregando animais en adopción, porque non sabemos se cando veñan por eles os poden parar e multar, e para evitar outro tipo de problemas», sinala. Desta maneira, evítanse tamén as adopcións por conveniencia daqueles que nestes días queren un can como salvoconduto para poderen saír á rúa a pasear, co risco de que unha vez pase a corentena se desfagan deles.

Solicitudes de adopción

«É certo que nestes días hai xente que nos escribe ou chama con idea de adoptar, pero será cando acabe todo isto do confinamento. O que estamos facendo é mandarlles o cuestionario preadopción, para saber onde viviría o animal e en que condicións, para facernos á idea de a onde irá e estudar cales son os que mellor se adaptarían a elas», indica a directora do refuxio. Por outra banda, e aproveitando que non está habendo urxencias nin incidencias que atender, a veterinaria vai avanzando na castración dos peludos. «Todos os animais son castrados. Cando cumpren os seis meses, os cachorros que foron adoptando terían que vir tamén a castrarse, pero é outra das cousas que temos paralizadas. É traballo que se vai acumulando para cando abramos. Os paseos dos padriños cos seus afillados peludos están tamén parados, como todas as charlas que tiñamos programadas e os eventos nos que iamos participar para dar visibilidade ao refuxio e recadar fondos», engade.

Son días de preocupación e incerteza nas instalacións de Bando, recoñece Olalla García. Aclara que están prescindindo da axuda dos voluntarios e que se reparten o traballo entre oito persoas, divididas en dous grupos e en quendas de cinco días para evitar que se algún enferma poida contaxiar a todos os demais. No refuxio só a administrativa pode teletraballar, e «aínda así está subindo igual para botar unha man», destaca a directora. O traballo diario non é pouco: limpar as instalacións, alimentar aos animais e, na medida das súas posibilidades, sacalos a pasear.

«Agora temos medo porque neste mes chegan as camadas de gatiños. É todos os anos igual, pero supoño que estaremos pechados ao público cando isto comece a pasar», repara Olalla García, que afirma que polo de agora as instalacións non están saturadas, «pero non sabemos ata cando. Nun mes poden chegar 20 animais, e noutro 40... Nese caso, teriamos que buscar casas de acollida ou tratar de amontoalos».