O Francisco Añón convoca aos poetas

OUTES

marcos creo

O concurso está aberto a escritores de todas as idades e repartirá nesta edición 2.400 euros en seis premios

15 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

É habitual que por estas datas, a medida que se achega o mes das letras por excelencia, maio, xurdan en Barbanza certames e actividades vinculados coa literatura. Un dos concursos que ten máis tradición na comarca é o Francisco Añón de poesía. Impulsado desde o Concello de Outes, leva 24 anos realizándose de xeito continuado. As bases desta edición xa viron a luz, co fin de atraer aos bardos de tódalas idades. En xogo hai 2.400 euros.

Promover a poesía en galego e renderlle homenaxe a Francisco Añón son os obxectivos cos que naceu este certame literario e tamén os fins polos que hoxe se mantén. Trátase, polo tanto, dunha iniciativa aberta a todo aquel que desexe sumarse. De feito, establécense seis categorías, co fin de abranguer aos nenos a partir dos 6 anos ata os adultos de calquera idade. Para estes últimos está reservado o premio máis importante: 1.300 euros en metálico e a publicación da obra galardoada.

O Concello de Outes tamén sacará á luz os traballos que resulten premiados no resto das categorías. Para os seus autores hai consignadas tamén contías en metálico, que oscilan entre os 120 e os 450 euros. Iso si, no caso dos nenos ata 14 anos, o diñeiro entregarase en forma de vale para a adquisición de libros.

Ata o 2 de abril

Todas aquelas persoas que desexen optar a calquera destes premios teñen ata o 2 de abril para facer chegar os seus poemarios á casa de cultura de Outes. Os detalles das bases pódense consultar na páxina web municipal. Nelas recóllese que a decisión do xurado se fará pública o 17 de maio, no marco dos actos que levará a cabo o Concello con motivo do Día das Letras Galegas.

Ese día presentarase a publicación coas obras que resultaron gañadoras na pasada edición. Daquela, o premio máis importante foi para a compostelá Mariña López Varela, que se suma a unha relación que inaugurou o escritor de Outes Ramón Blanco.