Unha gran canteira de oradores amosou a súa valía en Outes

Laura Martelo OUTES / LA VOZ

OUTES

cedida

Tras varias horas de combates dialécticos, os alumnos do instituto de Canido gañaron o concurso de debate

12 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa da Cultura de Outes converteuse no campo de batalla da oitava edición do concurso de debate que cada ano organizan os servizos de normalización lingüística de dez concellos (Santiago, Teo, Ames, Narón, Negreira, Ferrol, Outes, Pontevedra, Redondela e Rianxo) co obxectivo de promover o uso do galego e «aprender a debater para así fortalecer a nosa democracia», tal e como expresou durante a presentación o alcalde do municipio anfitrión, Manuel González. O espírito crítico, a investigación e o intercambio de ideas combináronse nunha xornada na que máis dun cento de alumnos procedentes de institutos de secundaria e bacharelato dos concellos de Narón, Negreira, Ferrol e Outes debateron acerca dun tema tan actual como é a necesidade da monarquía no século XXI.

Dun xeito maxistral, e con meses de preparación ás súas costas, os contendentes -divididos en equipos- foron expoñendo distintos argumentos sobre esta cuestión. En concreto, nesta segunda fase participaron dous equipos de alumnos do IES Canido (Ferrol), outros tantos do Xulián Magariños (Negreira), un grupo do instituto Leixa (Ferrol), outro do IES O Feal (Narón) e dous máis do Poeta Añón (Outes). Segundo a dinámica do concurso, cada equipo contou con dúas intervencións nas que facían valoracións a favor e en contra do tema proposto, algo moi complicado de levar a cabo pero que todos os participantes foron quen de defender con moi bos argumentos, cun rigor e unha seriedade que nada tiveron que envexar aos oradores máis veteranos.

Houbo que esperar á metade da tarde para coñecer os gañadores desta segunda fase. Trala deliberación do xurado -composto por profesionais da comunicación, lingüistas e docentes-, os compoñentes do IES Canido alzáronse cos 500 euros do primeiro premio.

Así mesmo, As Sinerxéticas, procedentes do instituto Xulián Magariños de Negreira, proclamáronse subcampioas e fixéronse cos 300 euros e unha praza, ao igual que os vencedores, para a fase final, da que xa se coñece o tema a debater: o futuro do galego está en nós. Porén, aínda queda por celebrar a terceira rolda destas xornadas da que sairán outros dous participantes na final, e que enfrontará a alumnos procedentes de Santiago, Teo e Ames.

Oitos anos de vida

O proxecto das Xornadas do Club de Debate naceu no ano 2012, impulsado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos co obxectivo de promover o uso do galego oral en contextos formais e informais, tal e como explicou Luís Pérez, técnico no Concello de Outes. Neste senso, apuntou á importancia de organizar este tipo de actividades, valoradas positivamente polo alumnado, posto que «serven para aprender a buscar fontes informativas fiables, a investigar e a construír unha argumentación baseada no respecto polas ideas contrarias». Así mesmo, o traballo en equipo, fundamental nun grupo de debate no que cada membro contribúe á defensa do argumentario, foi outro dos puntos destacados.

Pola súa banda, o alcalde Manuel González subliñou o positivismo desta iniciativa na que Outes participa por primeira vez, ao favorecer a formación da mocidade «dunha forma divertida e dinámica», así como a contribuír á dinamización do concello.