David Outes: «Soño con xogar a fase de ascenso»

a. parada RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

JORGE PARRI

O muradán representa á perfección o alto nivel da canteira galega e da Superliga 2 Masculina de voleibol que lidera o seu bloque

14 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Podería dicirse que esta historia está construída a base de belas casualidades. A primeira dela xorde da traxectoria labrada por dous clubs referentes do voleibol da Costa do Morte e de Barbanza, o Volei Dumbría e o Rotogal Boiro. A segunda destas coincidencias aparece tras botar unha ollada á táboa da Superliga 2 masculina que lideran, respectivamente, ambos equipos cun claro acento galego. A terceira casualidade atópase no altísimo nivel de sendas canteiras, compostas por xogadores da talla de David Outes Díaz (Boavista, Muros, 2001).

Xuvenil de último ano e despois dunha pretempada na que sobresaíu, o muradán acabou por converterse nunha peza clave do primeiro equipo, co que actualmente adestra e compite cando a ocasión o require e é chamado a filas. Sen embargo, a súa traxectoria comezou moito antes, cando só tiña 11 anos: «Todo empezou cando me mudei a Cee e entrei no colexio Manuela Rial». E nisto non hai casualidades, para un centro que forxou a maior parte da canteira do Volei Dumbría.

Aquel rapaz que xogaba ao fútbol de extremo, un día acudiu a un adestramento, convidado polo seu amigo Nico. «Encantoume dende o primeiro momento; a xente, o ambiente, o bo rollo que hai neste deporte. A partir de entón, non fallei a un adestramento», lembra con cariño David Outes, que descoñecía a categoría que ocupa o club, pero «en canto mo dixeron só sentín máis ganas de xogar para un día estar arriba».

O debut

Aínda que comezou como central, o muradán atopou a súa posición natural como oposto. A lesión do seu compañeiro Néstor González provocou que se estreara na pretempada cos sénior. «En serio, aínda que só sexan uns minutiños, non é fácil quitarlle o posto a Néstor», destaca sorrindo, para rememorar a sensación de felicidade que evaporou os nervios no seu debut: «Non escoitaba a ninguén, nin ás gradas, estaba totalmente concentrado e metido no partido».

Agora David Outes traballa por levantar ao bloque xuvenil e por manter a gran actuación do primeiro conxunto: «Seguimos invictos e espero que continúe así, o certo é que non tiñamos as expectativas tan altas, pero eu soño con xogar a fase de ascenso, como o ano pasado, menos ca iso non me colle na cabeza».

David Outes tamén está desexando medirse ao Rotogal Boiro, pois «é un bloque co que me encanta xogar, xa que teño moitos amigos alí. Ademais, este ano ten un gran equipo polo que vai ser un encontro moi bonito». Igual que a filosofía de adestramento da Cachada, o oposto do Dumbría tamén é un deses mozos que melloran a pasos axigantados preparándose cos maiores. E tamén demostrou ser un gran xogador de voleipraia.

As semellanzas entre ambos conxuntos non acaban aquí, xa que si o Rotogal se fixo coa fichaxe estrela do colombiano Sebastián Giraldo, Outes estase a nutrir da experiencia doutro internacional referente como o brasileiro Danilo Gomes: «Competir con xogadores así dáche un plus de motivación».

E con que futuro soña o muradán? «Quero seguir no volei, xogar con maior regularidade co Dumbría e non falemos da Primeira División», revela. Quizais haxa máis de talento e paixón que de casualidade nesta historia.