Onofre Muianga: «É preciso quebrar barreiras e reforzar a idea de que o mundo é global»

laura martelo OUTES / CORRESPONSAL

OUTES

laura martelo

O técnico de Finanzas veu pasar unha tempada en Galicia para tender pontes e compartir coñecementos

04 oct 2019 . Actualizado a las 09:07 h.

Con todas as posibilidades que brinda o acceso á Rede hoxe en día, non hai mellor fonte de información que a de alguén que fai un relato en primeira persoa para mudar a nosa perspectiva. Así foi como Onofre Muianga, técnico municipal de Finanzas na Associaçao Nacional dos Municipios de Moçambique, aterrou en Outes hai unhas semanas, despois de pasar por Burela e Cabana, co gallo de participar no programa Vacacións con Traballo, promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e aportar unha nova visión sobre o seu país.

Durante a súa estadía tivo a oportunidade de coñecer o entorno, a cultura e a gastronomía da zona, unha experiencia que cualificou como moi positiva. Moi centrado no ámbito económico e na xestión de impostos municipais, Muianga estivo en contacto cos órgano de goberno, compartiu as problemáticas ás que se enfrontan os municipios mozambicanos nese eido e puxo en valor o sistema implantado nos concellos galegos.

Entre as causas da baixa recadación de impostos, recollidos nun estudo elaborado pola Associaçao dos Municipios de Moçambique, sinala a «falta dunha unidade de tributación, que non existe ou está en fase de consolidación. Tampouco existe un catastro tributario a nivel nacional, nin hai procesos unificados. O poder de compra das familias tamén pode afectar no proceso de pagamento dos impostos e existe unha cultura fiscal baixa. Noutros casos o custo de mantemento do material é moi elevado, e detectamos unha necesidade de profesionalización dos técnicos municipais».

Non só de economía foi a cousa, e tamén tivo tempo de sinalar algunhas similitudes entre os territorios, como é o caso das relacións interpersoais: «Mozambique e Galicia teñen relacións afectivas moi fortes, cun carácter moi aberto». En canto ás diferenzas apreciadas, Muianga sinalou a práctica inexistencia dunha organización xerárquica coas institucións municipais en Galicia, que cualifica como «moito máis fluídas, con menos trámites burocráticos e máis rápidas».

Outra das diferenzas das que falou foi o clima, moito máis cálido en Mozambique, e máis concretamente as augas. Onofre compartiu a súa experiencia visitando por primeira vez as frías augas que bañan as nosas costas, un feito que lle chamou moito a atención. «Eu aquí non fico», comentou tras meter os pés no mar.

Charla no instituto de Outes

Cun enorme sorriso e ganas de compartir experiencias comezou a charla que ofreceu o pasado mércores aos alumnos de terceiro curso da ESO do IES Poeta Añón (Outes), actividade programada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello e na que Onofre compartiu información sobre o seu país cos rapaces. O relato espertou o interese dos alumnos, que non dubidaron en facerlle todo tipo de preguntas moi enfocadas na situación económica e social do país: «As cuestións que propuxeron amosan o seu interese en Mozambique e a súa preocupación en cuestións de igualdade, calidade de vida, índice de pobreza e escolaridade».

Precisamente sobre igualdade, Muianga compartiu cos alumnos as mellorías que se están a experimentar nun país no que «as mulleres aos poucos están a amosar o seu potencial». En cuestión de recursos, observou que é necesario facer unha redistribución para mellorar a situación dos seus habitantes. Sobre esta xuntanza, destacou que «é preciso quebrar barreiras e reforzar a idea de que o mundo é unha aldea global».