Terra de Outes enxalzou a loita contra o fascismo do soldado de Catasueiro Manuel Otero

L. Martelo OUTES / CORRESPONSAL

OUTES

laura martelo

Tamén recoñeceu os méritos do soldado republicano o alcalde de Outes, Manuel González

18 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O 75.º aniversario do pasamento do soldado de Catasueiro Manuel Otero, o único español que morreu durante a primeira xornada do desembarco na costa de Normandía, serviu para que Terra de Outes enxalzase a súa loita contra o fascismo. Nunha homenaxe realizada onte xunto ao monumento conmemorativo ás vítimas do franquismo en O Freixo, fíxose un repaso pola biografía deste veciño, que caeu en combate o 6 de xuño de 1944.

O presidente da entidade cultural Terra de Outes, Xoán Mariño, afirmou que Manuel Otero «sacrificou a súa vida e liberdade» combatendo no bando republicano dende o inicio da Guerra Civil e uníndose en 1943 á Big Red One americana.

Tamén participou no acto o membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica Xoán Hermida que, ao igual que fixo Xoán Mariño, desmentiu que Otero se tivese unido ao exército americano para obter a nacionalidade. Neste sentido, Xoán Hermida precisou: «Todo apunta a que o feito de que se alistase ten moito máis que ver cos motivos ideolóxicos da loita contra o fascismo».

Valores universais

Tamén recoñeceu os méritos do soldado republicano o alcalde de Outes, Manuel González, durante a súa intervención. Destacou a importancia da figura de Otero na defensa da liberdade e a democracia «que penso que son valores universais».

Ao mesmo tempo, González puxo de manifesto a situación política que se está a producir en Europa co auxe de «vellas pantasmas». Indicou que se están a recuperar discursos que deben combaterse con intelixencia.

O acto finalizou co descubrimento dunha placa conmemorativa en lembranza de Manuel Otero e cunha ofrenda floral.

Entre os asistentes á homenaxe estaba unha sobriña do soldado, María Dolores Martínez Otero, quen agradeceu a asistencia ao acto e o recoñecemento tributado ao seu parente.

Integrantes do grupo Jaitas Blues interpretaron o himno galego como colofón.

O presidente de Terra de Outes explicou que se decidiu facer a homenaxe de Manuel Otero o 17 de agosto, xornada na que se celebra o Día da Galiza Mártir e que coincide coa data do asasinato de Alexandre Bóveda a mans das forzas franquistas, pola súa simboloxía.

Neste senso, Xoán Mariño comentou aos presentes que durante o mes de agosto do ano 1936, a represión franquista na comunidade galega foi brutal.