O vínculo centenario de Outes e Arxentina

Uxía Pérez / A. G. RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

cedida

Mirta Gosende, filla de emigrantes nacida en Bos Aires, leva por bandeira a terra de seus pais

07 ago 2019 . Actualizado a las 14:07 h.

Nun contexto no que unha persoa se ve na obriga de deixar atrás a súa terra, transmitir ou vivir a galeguidade pode chegar a converterse nun labor utópico, pero non imposible. Demóstrao a historia do outiense Miguel Gosende, unha persoa que, como tantas outras, no ano 1936 fuxiu para sempre de Galicia debido ás cuestións políticas que asoballaban o país nese momento. A súa irmá vivía na Arxentina e foi ela quen o acolleu no lugar que se convertería no seu novo fogar.

Unha vez a salvo, e xa residindo en Bos Aires, a súa morriña impulsouno a formar parte da asociación que os veciños de Outes fundaran nesta cidade pouco tempo atrás. Alí coñeceu á súa futura muller, Juana Faraldo, quen con 11 anos tamén emigrara, neste caso dende Betanzos. Desta parella nacería Mirta Gosende, a actual secretaria da asociación.

Foron seus pais quen lle inculcaron este amor pola terra dos seus antepasados. Miguel Gosende xa fora presidente da entidade cando Mirta era adolescente, pero agora é ela a que leva máis de 25 anos na xunta directiva, coa proposta de unir os lazos entre os galegos arxentinos, e reivindicar e manter viva a súa cultura no outro lado do charco.

Máis de 300

Actualmente, esta asociación confórmana máis de 300 socios, entre os que se atopan familiares dos emigrados, novos desprazados e incluso amigos dos integrantes. A unión pasou por malos momentos despois do falecemento do seu anterior presidente, Manuel Rey. Mirta conta que «cando os membros máis vellos morren é complicado que os descendentes se fagan cargo. As agrupacións máis pequenas tenden a desaparecer ou a unirse coas veciñas». Aínda que os outienses de Bos Aires si vaian polo bo camiño, tamén afirman ter relacións moi estables con outras asociacións, como, por exemplo, as de Noia, Rianxo e Porto do Son que tamén se atopan na diáspora.

Se ben é certo que hai cousas que pasan de pais a fillos e de fillos a netos, o caso de Mirta Gosende é un dos mellores modelos disto. O apego que os seus devanceiros lle transmitiron por Galicia transferiullo tamén aos seus descendentes: Rocío e Alejandro Miguel Gallo.

Ela é a secretaria de actos e el o primeiro vocal. De feito, foi Alejandro quen intentou rexuvenecer a entidade, entregándose a fondo nun proxecto que reuniría aos novos emigrados que se atoparan no país.

«Hai 16 anos que levamos impartindo no centro clases de galego», actividade que segundo Mirta é unha das máis importantes e reivindicativas, pois, deste xeito, manteñen viva a lingua fóra das súas fronteiras, e permiten que todos aqueles desprazados entren en contacto coas súas raíces.

A propagación da galeguidade en terras arxentinas lévase a cabo mediante as máis de 40 asociacións que hai no país. En efecto, a súa capital é a única cidade fóra da fronteira da comunidade autónoma que dedica unha festividade íntegra a Galicia. Estes datos xustifican o famoso alcume deste país suramericano, pois a quinta provincia galega aínda tenta manter viva a memoria dos máis de 100.000 emigrados que alí se atopan.

Un curso de canto e pandeireta da asociación parroquial de Vedra de Bos Aires foi o que arrastrou esta vez a Mirta ata Galicia. Esta cantareira afeccionada levaba sen visitar a terra de seus pais dende había cinco anos, e foi nesta viaxe cando se volveu reencontrar cos seus.

A historia desta familia é unha máis das miles de memorias que os exiliados galegos poden contar. Relatos que remontan aos tempos nos que estas persoas se viron na obriga de abandonar o seu fogar, e que, a máis de 10.000 quilómetros de distancia, seguen a loitar para que a súa cultura se propague e conserve na diáspora nas vindeiras xeracións.

Fundación

A asociación de veciños mantense viva dende 1910, polo que hai nove anos que acadou o seu centenario

Viaxe de volta

Mirta tenta vir a Galicia cada cinco anos e, unha vez aquí, pasar máis dun mes visitando a súa terra e aos seus familiares