O programa terá a música como gran protagonista

laura veiga / a. l.

OUTES

SANDE

Ademais de actividades para todos os públicos, haberá varios pasarrúas, vermús sonoros e grandes concertos

21 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre o 24 e o 28 de xullo o concello de Outes lucirá as súas mellores galas para acoller as Festas do Santiaguiño, Milagrosa e San Cristovo, unhas celebracións que inclúen na súa programación actividades para todos os públicos, un gran cartel musical, misas cantadas e a tradicional sardiñada. O concelleiro de Cultura, Xosé Manuel Ramos Caamaño, explica que queren «englobar a toda a veciñanza» e, por iso, terán un oco nos festexos «tanto as orquestras diúrnas coma nocturnas».

Mercedes Peón será quen marque o inicio o mércores cun gran concerto na Horta do Muíño, ás 23.00 horas, seguida por Fantarria Taquikardia. A Banda de Música Municipal de Outes iniciará as celebracións do xoves cun pasarrúas, e tamén ofrecerá un concerto na Horta do Muíño (21.00). Ademais, unha hora e media despois, na praza do Bosque, terá lugar unha actuación ofrecida polo grupo Finisterre.

O venres tamén comezará con música, esta vez da man dos integrantes de Jaitas Blues, a mesma banda que tocará ás 13.00 horas no vermú sonoro. Pola noite, na Horta do Muíño, Treixadura e Os Carapaus animarán unha verbena que dará comezo ás 23.00.

Baile tradicional

O penúltimo día será Momboi o que poña o ritmo na sesión vermú na Horta do Muíño, e a partir das 20.00 horas comezará un festival de baile tradicional no mesmo lugar. Amenizarán o grupo de gaitas de Mazaricos, a agrupación folclórica Ximiela, Jaitas Blues, Pandereiteiras de Tremuzo e a Escola de Baile Tradicional do Concello de Outes. Ao caer a noite, tamén na Horta do Muíño, Milladoiro dará un gran concerto ás 22.30. Unha hora despois, na praza do Bosque, Ocaband porá o broche á velada do sábado con outra sesión musical.

Para finalizar o programa destas celebracións en honor do Santiaguiño, Milagrosa e San Cristovo, o domingo os integrantes da Escola de Música Tradicional e da Banda de Música Municipal de Outes farán un pasarrúas conxunto, que finalizará sobre as 13.00 horas na Horta do Muíño, onde terá lugar a tradicional sardiñada á que están invitados a participar tanto veciños como visitantes.

Segundo sinala Ramos Caamaño, «entre o bo tempo e as actuacións, esperamos que veña moita xente a gozar das festas e do turismo que ofrecemos en Outes».

LA VOZ DE GALICIA ESPECIAL domingo, 21 de julio del 2019

L9

FESTAS DE OUTES

A tradicional sardiñada terá lugar o próximo domingo. FOTO sande