Ana Varela, premio López Abente: «A ledicia é inmensa»

Patricia Blanco
P. blanco CARBALLO / LA VOZ

OUTES

Ana Varela xa ten outro poemario anterior premiado e publicado
Ana Varela xa ten outro poemario anterior premiado e publicado

A escritora recibirá o galardón o vindeiro día 26

20 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«A ledicia é inmensa. É un gran recoñecemento que un xurado escolla e valore a túa obra entre todas as que se presentan, un privilexio pasar a formar parte das poetas que gañaron este premio e ademais permítenme publicar con Xerais. Non podería estar máis contenta», confesaba na tarde deste venres Ana Varela Miño (Narón, 1978). Ela, que sigue vivindo na súa terra natal mais traballa como tradutora e intérprete na Coruña, é a gañadora da sexta edición do Premio de Poesía Gonzalo López Abente, un título que acadou co poemario Onde nacen as hedras, presentado co lema Pitia. Na súa escolla houbo unanimidade entre o xurado, integrado polos poetas Noelia Gómez Calvo -gañadora da quinta edición-, Xulio Cid Neira e Xesús M. Sambade Soneira, secretario da Fundación López Abente, promotora do galardón. «É un poemario que trata sobre as ruínas e o abandono, o seu proceso de transformación, pero tamén sobre o que queda, o que nace e sobrevive entre esas ruínas», conta a autora sobre Onde nacen as hedras.

«Atopamos [neste traballo] a coherencia e cohesión en todo o percorrido poético, desde o título, as citas introdutorias de Anne Carson e Louise Grück, ata o propio corpo do texto», fixo público o xurado na súa valoración, engadindo que se trata dun poemario «que dá sinais, que prevé o baleiro, abre as fendas do que xa non é, ata chegar a habitar o oco, ese lugar onde nacen as hedras». «Nese tránsito, a escrita actúa como o oráculo que todo o ve, que todo o cose, incluso a ruína. Sen dúbida, estamos ante o poetizar coidado e puído, que se revoluciona a si mesmo en cada poema. Unha linguaxe suave como o tacto da folla, composta de palabras que gabean pola lectura, como hedras», continúan. Esta era a primeira vez que Ana Varela se presentaba ao López Abente, mais non a primeira que obtén un recoñecemento pola súa creación poética, pois no 2017 fíxose coa 21.ª edición do Certame Francisco Añón por Asombrario, publicado polo Concello de Outes nunha edición non venal. A escritora naronesa recollerá agora o seu galardón en Muxía o 26 de xullo.