Manuel González: «Queremos poñer a Outes no mapa»

Jose Manuel Jamardo Castro
j. m. jamardo RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

CARMELA QUEIJEIRO

O rexedor fala da necesidade de poñer en marcha un plan de acción para frear o declive económico que observa

13 jul 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

O novo alcalde de Outes, Manuel González López, leva un mes ao fronte do Concello a un ritmo vertixinoso. En todo este tempo non parou. Revisando papeis, expedientes, visitando lugares, mantendo reunións e continuando co seu traballo como profesor na Universidade de Santiago.

-Despois dun mes, cal e a súa impresión como rexedor?

-De momento teño que dicir que é moi positiva. Iso si, con moito traballo, pero iso xa o agardábamos. Temos moitas cousas enriba da mesa e asuntos que facer e resolver. Estou moi ilusionado neste proxecto.

-Como atopou a situación económica do Concello?

-A verdade é que bastante ben. Fixemos unha revisión xeral e comprobamos que, economicamente, as arcas municipais atópanse saneadas debido aos remanentes de tesourería existentes e tamén ao incremento do IBI de hai uns tres anos.

-Cales foron as principais deficiencias que atopou ao poñerse ao fronte da alcaldía?

-Unha das máis importantes foi a organización de determinadas áreas, que tivemos que axustar. Tamén a brigada de limpeza. Consideramos que se pode mellorar, e niso estamos. O municipio estaba un pouco descoidado. Tamén hai cousas que precisan de algúns axustes, como Servizos Sociais, pero, sobre todo, o desenvolvemento económico. Neste aspecto non hai nada. Imos ver si contratamos xente para impulsar esta área e axudar aos empresarios, e tamén aos parados. E moi importante implicarse neste asunto, pois o desenrolo económico é imprescindible.

-Hai acordo para sacar adiante as dedicacións exclusivas do grupo de goberno?

-Nun principio si. O luns temos outro pleno de organización e o Partido Popular comprometeuse a absterse si aprobábamos a súa proposta, que consiste nunha rebaixa de 4.500 euros anuais para todas as dedicacións exclusivas. Ás outras forzas mandámoslle a nova iniciativa e aínda non se pronunciaron.

-Cales son as prioridades que vostede ve para Outes?

-Principalmente, as relacionadas cos Servizos Sociais, unha escola infantil, mellorar as redes de saneamento, a limpeza de camiños as pistas e poñer en marcha unha aposta decidida polo desenvolvemento económico do municipio, esas son para nós as prioridades que temos agora mesmo.

-Cales son os obxectivos do grupo de goberno para o mandato que acaba de comezar?

-Un dos principais retos e que na nosa vila se paralice o declive socioeconómico e demográfico. Tamén queremos dar máis servizos para as persoas maiores e para os mozos. Outra das cuestións que nos preocupa moito é facer máis eficientes os recursos municipais, como a recollida de lixo ou o saneamento. Queremos poñer a Outes no mapa dotándoo de servizos e que sexa coñecido tanto a nivel turístico como económico. O noso propósito é traballar para conseguir que sexa u n lugar atractivo para vivir..

Os cinco concelleiros de Compromiso Outes fanse cargo de todas as áreas de goberno, incluído o alcalde.

DELEGACIÓNS

Manuel González. Desenvolvemento Económico e Turismo, Facenda e Persoal, Seguridade Cidadá, Planificación Urbanística e Transparencia.

José Manuel Ramos. Cultura, Xuventude e Voluntariado

Alba Quintela. Obras, Servizos e Medio Ambiente.

Daniel Rodríguez. Educación e Deportes.

Raquel García. Igualdade e Benestar Social.