Monolious DOP: De Jack Black a tocar nos grandes escenarios

laura veiga / m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

CARMELA QUEIJEIRO

Ula e Mon comezaron por diversión e xa levan ás súas costas un dobre cedé e sete anos de concertos

07 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un nado en Esteiro (Muros) e outro do Freixo (Outes). Os dous pertencían a bandas de música diferentes e só sabían un do outro por «amigos de amigos» que se coñecían entre eles. «A música xa nos uniu incluso antes de coñecernos», di de broma Ula, o muradán. Coñecéronse oficialmente en Santiago de Compostela, mentres Mon, o outiense, estudaba bacharelato e Ula, un ciclo de produtor de espectáculos.

Non obstante, non foi até o 2012, despois de ver o filme de Jack Black, Tenacious D, cando comezou este proxecto do dúo musical que, máis tarde, converteríase nunha banda de seis compoñentes. «Antes da película xa tiñamos ansias de realizar algo diferente do que facíamos nas nosas bandas pero a verdade é que o filme foi o crucial. Fíxonos moita graza», comenta Ula.

Comezaron en Internet co vídeo Veranito en Jalisia, unha canción pegadiza e con moito humor. «A nosa idea era ser un grupo fantasma», explica o muradán referíndose así a non dar concertos, «era por diversión e por ver como reaccionaba a xente». Non obstante, este vídeo fíxose famoso: «Os nosos colegas comezaron a compartir o vídeo e logo os seguintes que fixemos e a xente comezou a demandar bolos así que vímonos na obriga de montar a banda. Fóisenos un pouco das mans a verdade», di entre risas o compoñente deste dúo que xa no 2017 sacou o seu primeiro dobre cedé combinando os seus éxitos coas novas cancións do momento.

Dúas formacións nunha

Agora, continúan a ser un dúo mais tamén forman unha banda xunto con catro compoñentes máis. «Á hora de tocar nalgunha parte, segundo as necesidades do programador, podemos ir os dous ou podemos ir toda a banda de mercenarios como digo eu, pero realmente nós os dous seguimos a ser un dúo: seguimos a facer as cancións e as letras e logo pasámosllas aos músicos para traballalas un pouco máis», di Ula.

Sobre este proceso de creación das cancións explica: «Non seguimos un modelo estándar, ás veces escribimos os dous xuntos e outras por separado. Eu persoalmente o que fago é pensar unha temática e logo empezar a buscar a letra, ás veces con máis retranca e outras cun humor completamente absurdo, que é o que nos gusta a nós». Este proceso pouco estándar é o mesmo que seguen para os vídeos, ás veces pensan primeiro a letra e a partir dela o vídeo e outras, a partir do vídeo pensan a letra mais «sempre fixemos un pouco o que quixemos», comenta o artista, «con algúns vídeos axudábannos colegas que sabían e que estaban no paro pero outros están feitos con menos tempo e menos presuposto e nótase no resultado».

Para o próximo repertorio, Ula non quere «cuspir para arriba» mais «xa non tiñamos medo co primeiro e, visto o éxito que tivo, desta vez temos aínda menos medo e, se cabe, máis ganas. Esperamos moito deste novo disco».

A cara B

Mon, despois de traballar coma profesor de zumba, acaba de ser contratado como xurado para o novo programa da TVG: A Liga dos Cantantes Extraordinarios, onde buscan ao mellor cantante de orquestra de toda Galicia: «Pero non é un talent show, van cantantes profesionais», aclara o seu compañeiro. «Isto da música non da os cartos necesarios para vivir. É máis coma un sobresoldo pero non chega», explica Ula, quen segue a traballar nalgunha ocasión de produtor de espectáculos.

Aínda que cando comezaron a traballar xuntos a súa idea era ir sacando cancións de xeito individual co seu vídeo correspondente e seguir así sempre, «na banda hai diversidade de opinións e xa non pensamos igual que cando comezamos. Antes pensabamos así porque hoxe en día a música escóitase polos ollos. Agora cremos que temos que seguir cos vídeos, porque é o que da os cartos de verdade, pero tamén sacar máis discos».

Sobre se van chegar máis lonxe ou se pensan que o seu éxito é pasaxeiro, o muradán explica a filosofía do dúo: «É pasaxeiro se ti pasas. O éxito depende de nós, da ilusión que lle poñamos a este proxecto e do traballo que fagamos por detrás. A cara A disto é o que se ve por Internet, moito humor e pasalo ben, pero despois está a cara B, a que non se ve e leva moitísimo traballo e seriedade».