José Manuel Lage: «O fundamental é ser capaces de facer maiorías que dean estabilidade»

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

CESAR QUIAN

O outense ten moitas posibilidades de acceder ao goberno da Coruña e soa para estar no da Deputación

09 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Lage Tuñas (Outes, 1977) chega ao PSOE de moi novo da man do seu mestre Enrique Martínez Pedrosa. Con 19 anos convértese no líder das Xuventudes Socialistas de Galicia, logo en presidente do Consello da Xuventude e máis tarde erixiuse nun dos deputados máis activos do Parlamento galego. Cando cursaba Ciencias Políticas na USC, o expresidente Touriño incorpórao á dirección do PSdeG e foi Pachi Vázquez, hoxe fóra do partido, quen o purgou da Cámara galega. Abandonou en silencio a primeira liña, centrándose no seu labor profesional como investigador na USC e docente na Escola de Finanzas na Coruña. Sen deixar estas ocupacións, reaparece hai catro anos como concelleiro en Noia e, no 2018, González Formoso encoméndalle a misión de reconstruír o partido na provincia, tarefa que desenvolve con éxito ao converter de novo ao PSdeG na primeira forza política de esquerdas. Agora peta ás portas do goberno de María Pita como número 2 de Inés Rey, a máis que probable alcaldesa.

-De vostede díxose que fora defenestrado, que a súa traxectoria finara, pero resulta que nunca deixou de estar presente na vida do Partido Socialista e hoxe é o xefe do aparato provincial.

-Só teño palabras de agradecemento para os militantes que fan que o PSOE sexa unha gran familia. Procuro mirar cara adiante e actuar sempre con honestidade. Son un máis dentro dun gran equipo que lidera Valentín González Formoso.

-Recibiu moitas coiteladas?

-De recibir algunha sería dun mal acoitelador, á vista está de que estou ben vivo.

-E de todos os cargos que leva ocupados, con cal quedaría?

-Vivín momentos moi bos en todos eles, e tamén algún que outro sinsabor, non o vou a negar. As Xuventudes foron a escola política, Noia foi o trato directo coa xente e o Parlamento axudoume a pensar máis en clave de país. Imposible escoller un.

-Actualmente é vostede secretario provincial do PSOE, que vén de obter uns envexables resultados electorais, valore que proporción tiveron do chamado «vento de cola» e canto de traballo da executiva provincial coruñesa.

-O clima favorable ao PSOE tivo moita influencia, é innegable, pero non é menos importante o gran esforzo da militancia e o traballo feito dende a dirección provincial na busca de novos liderados locais. A combinación destes tres factores está empezando a dar os seus froitos.

-Que nivel de renovación houbo nas listas a nivel provincial?

-Renovamos un 41 % as nosas listas, e aínda non tivemos tempo a estender este traballo a todos os concellos que quixéramos. En todo caso, os resultados son moi positivos, porque estamos en condicións de gobernar en 40 concellos da provincia.

-Que resultado foi o que máis lle sorprendeu?

-Carnota. Tiña datos que me indicaban que podíamos gañar, pero non con tanta claridade. Alegreime moito. É o concello a onde Antón Louro me mandou a dar o meu primeiro mitin no ano 1999 e dende aquela teño unha relación especial con Carnota.

-Que opina de deixar gobernar á lista más votada?

-Creo que o fundamental, co noso sistema electoral, é ser capaces de facer maiorías que dean estabilidade aos diferentes gobernos.

-Sendo como é de Outes, como é posible que nunca figurara nunha papeleta electoral no seu concello natal e, por exemplo, si no de Noia?

-Nacín en Outes e adoro a miña terra natal. Pero os xentilicios son como capas de cebola que se sobrepoñen. Un pode nacer nun lugar, residir noutro e traballar nun terceiro. Ocorre na política, no xornalismo e en case tódolos ámbitos. En Noia tivemos un gran alcalde nado en Castellón, en Boiro houbo outro oriúndo de Coristanco. Á fronte da Xunta hai un ourensán que se presenta pola provincia de Pontevedra e reside habitualmente na Coruña. Eu son nacido en Outes, pasei boa parte da miña vida en Noia, traballei en Santiago, casei cunha luguesa e teño unha filla escolarizada na Coruña, onde resido dende hai dez anos. A vida hoxe é así.

-Moitos políticos din que a súa ilusión sería ser un día alcalde do seu pobo. A vostede pásalle o mesmo con Outes?

-Si, non nego que me gustaría ser alcalde de Outes, aínda que por agora a vida situoume na Coruña. Fixéralle unha promesa a meu pai, que era que mentres el vivira non me presentaría á alcaldía de Outes. Cumprida está.

-Coñece a política autonómica e a local, con cal quedaría?

-A política significa servizo aos demais e facelo con honestidade e da mellor forma posible dende calquera lugar. Os concellos son unha moi boa escola para a política galega ou estatal, e en ningún outro lugar se aprende tanto do contacto directo coa cidadanía.

-E non ten pensado experimentar a nivel estatal?

-Creo que teño unha importante tarefa encomendada na dirección provincial e no Concello da Coruña e non debo de perder un minuto en ningún outro asunto.

-Tendo en conta os últimos resultados, pode que o vindeiro luns haxa gobernos socialistas en tres concellos barbanceses, pero ningún con maioría absoluta. Cumpriranse as expectativas?

-No Barbanza non foi mal, melloramos, somos a primeira forza da esquerda, pero queda moita tarefa por facer. Fixemos importantes apostas, como no caso de Boiro, que era un obxectivo prioritario para a dirección provincial, e penso que saíu ben. Noutros concellos a medio prazo tocará abrir unha nova etapa.

-Non cree que os tempos son chegados de amañar situacións como as de Ribeira ou Rianxo, nas que gobernaron os socialistas e agora están en mínimos históricos?

-Avaliaremos caso a caso, e onde toque acometeremos a renovación necesaria, recoñecendo o esforzo feito polos compañeiros que levan anos encabezando os proxectos municipais.

-Como van repartir o deputado que obtiveron en Barbanza?

-Non entramos aínda neste asunto. Escoitaremos a tódalas agrupacións antes de propoñer a quen teña que asumir esa responsabilidade.

-Estará vostede no goberno da Deputación?

-Son xogador de equipo e estarei onde o noso secretario xeral, Valentín González, decida.

En corto

UN REFERENTE POLÍTICO: Olof Palme

UN LIBRO: Cien años de soledad, de García Márquez

UNHA PELÍCULA: Todos los hombres del presidente

UNHA COMIDA: Tortilla de pataca

UNHA CIDADE: París

UN MONUMENTO: Quedo co monumento natural que temos entre a ría de Noia e a Torre de Hércules

UNHA PRAIA: A de Carnota

UNHA PAISAXE: Posta de sol en Santorini (Grecia)

UN VEHÍCULO: Volkswagen Passat

UNHA BEBIDA: Auga fría

UN SECRETO: Ter os menos secretos posibles

UN ACTOR: Al Pacino

UNHA ACTRIZ: Meryl Streep/ Juliette Binoche.

UN EQUIPO DE FÚTBOL: FC Barcelona e Deportivo da Coruña

O MELLOR XOGADOR DA HISTORIA: Messi, sen dúbida.