Un creador de historias con estrela

Ana Lorenzo Fernández
ana lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

marcos creo

O outiense acaba de gañar o premio Illa Nova de Narrativa co libro «A noite do lobo»

22 may 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Confesa que comezou a escribir moi tarde, mais isto non foi un impedimento para que non pare de acumular premios e distincións. O último galardón que acaba de sumar ao seu currículo Abel Tomé (Outes, 1984) é o Illa Nova de Narrativa 2019 polo seu libro A noite do lobo, que forma parte dunha triloxía que comezou hai dous anos coa obra A noite do corvo, que quedou finalista neste mesmo certame e tamén no Torrente Ballester, «que é un dos cinco premios literarios con máis prestixio de toda España», apunta o escritor.

Precisamente, que fose seleccionado entre os 11 últimos traballos dos cen que se presentaron ao galardón que convoca a Deputación da Coruña «foi un grande empurrón para seguir enviando libros a concursos», explica este veciño da Ponte Nafonso, que comezou traballando como soldador despois de facer un ciclo de Frío Industrial na Coruña, e logo decidiu dar un xiro á súa vida e facer Xornalismo. Agora compaxina a súa faceta como escritor cun máster en Dereitos Humanos e co seu traballo como deseñador na compañía A Casa da Avoa, unha empresa familiar de conservas que aposta por novas combinacións de produtos cunha presentación moi orixinal e divertida.

Tal acumulación de tarefas fai que non sempre teña moito tempo para escribir: «ás veces estou media hora; outras, hora e media, pero sempre ando un pouco disperso porque estou sentado no ordenador, pero tamén sigo pendente do teléfono, miro pola xanela...», confesa Abel Tomé, que agora mesmo ten entre mans varias historias a medias. E o peor, ou o mellor, de todas elas é que teñen pouco en común.

De feito, aínda que A noite do lobo forma parte da triloxía que comezou con A noite do corvo, ambos son relatos totalmente independentes. A obra gañadora do Illa Nova ten como protagonista a un cazador atípico e xa retirado ao que van buscar despois de que un lobo matase ao fillo dun conde. Aínda que a paisaxe é ficticia, «pode dicirse que está ambientado nun tempo pasado e está enfocado en Galicia», apuntou o escritor outiense.

Familia asasinada

Tamén unha morte, pero neste caso a dos catro membros dunha familia no interior dun faro da illa de Gothard, é o punto de partida de A noite do corvo, un libro con grandes doses de suspense que tamén ten como escenario un lugar imaxinario. Tanto este traballo como o anterior pecharán un círculo cando vexa a luz o terceiro libro que xa ten punto de inicio, aínda que non de fin.

De feito, Abel Tomé apura os prazos para sacar adiante estes traballos pendentes, xa que con varios podería concorrer a algúns dos próximos concursos literarios en lingua galega. Confesa que ver un libro seu publicado é moi gratificante, «pero o diñeiro sempre está ben», sobre todo nun momento como o actual, «onde cada vez a xente le menos. Vivir da literatura é imposible, pero gañar premios sempre é un empurrón para seguir escribindo», insiste Abel Tomé, que explica que todo lle serve de inspiración á hora de sentarse diante do ordenador.

«Moitas veces non son consciente, pero creo que me inflúen moitas cousas para escribir, desde algunhas series de televisión, ata unha noticia que leo nun xornal, ou incluso a música», apunta o outiense, que tampouco é fan dun escritor en concreto e ten libros dos máis diversos estilos. Neste sentido, sinala que «agora leo moito menos que antes, porque non teño tempo, pero gústame moito».

Formación. Estudou un ciclo de Frío Industrial e chegou a traballar como soldador. Fixo Xornalismo, ten a medias Ciencias Políticas e agora está matriculado nun máster de Dereitos Humanos.

Premios. Ademais do Illa Nova de Narrativa, xunto con outros compañeiros gañou o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro 2013, e o galardón A Pipa 2015 na modalidade de poesía.