Gardiáns dunha tradición con 60 anos

josé manuel sande OUTES / CORRESPONSAL

OUTES

sande

Os veciños seguen a confeccionar as alfombras coa técnica da mestra Luisa Vivian

02 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns pobos loitan arreo por recuperar vellas tradicións do lugar, e non sempre acadan o fin proposto, e de conseguilo, é frecuente que decontado volvan a esmorecer. Iso non acontece na parroquia outense de San Lourenzo de Matasueiro, lugar no que non foi preciso recuperar o antigo, senón que dende que lembra a memoria dos máis vellos vense celebrando a festividade do Sacramento, aínda que dende hai 60 anos acadou un novo costume, o de elaborar unha alfombra floreada que enlaza a estrada coa porta principal da igrexa parroquial. Mañá será a festa nesta localidade, e veciños e visitantes poderán gozar do programa festivo, pero tamén de contemplar o artístico manto que un ano máis concentra a atención de propios e alleos.

É costume tamén en San Lourenzo que exerzan de confrades festeiros os integrantes dun matrimonio da parroquia. Nesta ocasión serán Emilia Insua e Ramón Calo, que levan 29 anos casados, os organizadores. No pasado, os dous membros da parella debían ser nados na parroquia, pero agora chega con que o sexa un deles, e que fixaran a súa residencia nesta localidade. O párroco de San Lourenzo, Roberto Freire, xa lles encomendou oficialmente esta tarefa, o día de Xoves Santo, remudando na organización a Lucía Carballo e Jesús Montero, que promoveran a festa do pasado ano.

Os actuais confrades afirman que non é un traballo, senón unha satisfacción, perpetuar esta celebración e dirixir a organización da festa. Dicía onte Emilia: «A nós correspondeunos este ano organizar a festa, e facémolo con moito agarimo, pois sabemos que todo o pobo vai colaborar. Debemos recadar os cartos precisos para a música, os foguetes e outros gastos, pero estableceuse unha cota para cada veciño, e son eles mesmos os que cando poden traen o diñeiro. Nós só debemos encargarnos de contratar as atraccións festivas e pagar os gastos que iso supoña».

Sen afán competitivo

En ocasións, algunhas parellas teñen renunciado a ser confrades, pero sempre debido a problemas puntuais, pois cada matrimonio espera con agrado a súa oportunidade para organizar as festas. Non existe afán competitivo por superar os actos dos anos precedentes, pois segundo di Emilia Insua, «nós somos poucos veciños e non aspiramos a contratar grandes orquestras, aínda que queremos que se faga a alfombra, e que non falten a diversión e a música».

Tres xornadas se marcan cada ano os veciños de San Lourenzo para preparar a celebración do Sacramento, e nelas participan tódolos veciños que poden, maioritariamente as mulleres. Un deses días (que nesta ocasión foi onte) dedícase á limpeza e ornamentación, así como á adecuación do templo e da súa contorna. No seguinte (hoxe), confecciónase a alfombra con serraduras tinguidas, aínda que tamén abundan as flores e outros adornos vexetais, e o terceiro é o da celebración da festa. Tamén o programa festivo é similar cada ano, con abundancia de foguetes anunciando a festa, un grupo folclórico que percorre as rúas e un dúo musical para amenizar o baile. Pero cada ano espérase con maior curiosidade a contemplación da alfombra, sobre a que descorrerá a procesión co Sacramento baixo palio, para comprobar as innovacións que se aportaron á mesma.

Os veciños de máis idade de San Lourenzo non se lembran xa como eran as festas do Sacramento nesta vila antes de que chegase a mestra compostelá María Luisa Vivián, hai agora 60 anos. Foi entón cando se empezou a facer a alfombra, baixo a súa dirección, e xa nunca deixou de elaborarse cada ano. A elección das serraduras como base do tapiz ten aquí unha clara explicación, xa que en Outes estaban operativos daquela media ducia de serradoiros, e por iso resultaba doado facerse co material, que despois de coloreado adquiría unhas vistosas tonalidades sobre o adro da igrexa.