Manuel González: «Hai que actuar favorecendo a creación de empresas por parte da xente moza»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

gerpe

O concelleiro de Compromiso por Outes destaca a aposta do seu grupo polo ámbito local

03 may 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

Cunha ampla traxectoria política e bo coñecedor da política municipal, o concelleiro de Compromiso por Outes Manuel González López acudiu aos estudos de Radio Voz Barbanza para participar no espazo Cita co Concello de Radio Voz, no que afirmou que o seu grupo ten «un proxecto e un grupo humano» que da prioridade ao ámbito local.

-¿Cal é a súa análise destes tres anos de mandato?

-Producíronse cambios importantes, un deles no titular da alcaldía, pero apréciase un continuísmo; un goberno falto de proxecto e de ideas no que se xestiona por rutinas e non se resolven os problemas. Beatriz Molinos colleu a alcaldía de rebote e agora hai un continuísmo dun nivel máis baixo. Está tardando o equipo actual en collerlle as rendas á xestión municipal e amosa poucos proxectos para o futuro.

-¿Que eixos propoñen?

-O principal ten que ver co desenvolvemento económico. Sabemos que os concellos non teñen moitas ferramentas neste sentido, pero si algunhas. O noso municipio amosa un declive social e económico brutal e dende a Administración local non se puxeron en marcha medidas para revertir esta situación. Hai que actuar favorecendo a creación de empresas por parte da xente moza. Débense poñer en marcha servizos que sirvan para fixar poboación. Nós insistimos na necesidade de contar cunha gardería de verdade. Ao mesmo tempo, hai unha poboación envellecida, pero iso pode servir para impulsar empresas de economía social. Débese ter unha estratexia de conxunto para dinamizar o municipio dende o punto de vista económico. Outes ten moitas vantaxes, está a 25 minutos de Compostela e ten recursos dende o punto de vista turístico e económico que hai que explotar.

-Fala de carencias, ¿cales son?

-Faltan oportunidades para quedar no municipio, posiblemente porque non se aposta pola xente moza que quere crear empresas. Non hai un servizo axeitado de transporte con Compostela, que podería facer que moita xente vivira en Outes e se trasladara a Santiago. Nós propuxemos que o municipio se integrara no plan de transporte metropolitano. Para nós os trse elementos clave son o desenvolvemento económico, a atención e os servicios á terceira idade e á infancia para atraer xente nova e o coidado no mantemento das obras?

-¿A que se debe que agora prefiran denominarse Compromiso por Outes?

-A que facemos unha aposta fundamentalmente local e a que consideramos que debemos ter relación con organizacións diversas que teñan representación noutras institucións, como o Parlamento ou a Deputación.