«Fomos quen de non só pagar as débedas, senón incluso de aforrar»

j. m. sande

OUTES

MARCOS CREO

O rexedor asegura estar preparado para afrontar un sexto mandato

12 abr 2015 . Actualizado a las 05:10 h.

Carlos López Crespo (Coirós, 1949) está a piques de cumprir vinte anos á fronte do Concello de Outes, a pesares do que, segundo di, aínda lle quedan forzas para seguir traballando para os seu veciños, aos que quere garantir unha calidade de vida que, ao seu xuízo, mellorou moito ao longo da súa xestión. O vindeiro 24 de maio volverá concorrer ás eleccións e, aparentemente, ten todas as de acadar a quinta maioría absoluta liderando a lista do Partido Popular. Recentemente tivo un problema de saúde co que se especulou da súa retirada. Xa recuperado, está de volta e con ganas de continuar co bastón de mando.

-Leva feita unha ampla xestión, pero de seguro que aínda lle queda algún obxectivo que, ademais, pode ser a pedra angular dun vindeiro mandato, non si?

-Por suposto. Sen dúbida, o grande obxectivo máis inmediato vai ser o de mellorar a situación laboral no termo. Pese a que directamente non é doado que un concello cree postos de traballo directos, xa neste mesmo ano ofertaremos máis de medio cento de contratacións. Nuns casos, con máis persoal para aumentar a dotación das distintas brigadas de traballo, e noutros, cunha nova escola taller, na que ademais de emprego se dea formación. Ademais, apoiaremos todas as iniciativas privadas que supoñan xeración de emprego.

-Ten o Concello a dispoñibilidade orzamentaria precisa para asumir os gastos que suporán as dotacións para xerar ese emprego do que fala?

-Podemos dicir con orgullo que fomos quen non só de pagar tódalas débedas senón incluso de aforrar cartos. O Concello de Outes é un dos poucos de Galicia sen débeda bancaria e paga na man aos provedores. Pero iso, con ser un gran logro, non me satisfai plenamente cando ao despacho da alcaldía chega xente dicindo que non ten onde empregarse, ou que non dispón do preciso para vivir ou para criar aos seu fillos. É por iso que, ademais de seguir atendendo as carencias alimenticias puntuais, estou decidido a loitar para que se incremente o emprego, aínda que para acadar ese obxectivo teñamos que empeñarnos.

-En que outros aspectos albisca carencias, e se compromete a arranxalas?

-Neste ano investiremos un millón e medio de euros en obras. Todas están proxectadas, con consignación económica e, algunhas, xa contratadas. Entre elas destacaría a reparación, ampliación e mellora de todas estradas locais e de beirarrúas; a humanización dos núcleos rurais; actuacións na piscina, a mellora dos accesos a Broña, ou a reparación da avenida de San Campio. Tamén propoñémonos mellorar a travesía de A Serra.

-Dedúcese entón que xa ten programa electoral?

-Non. No tempo que levo en política nunca propuxen un programa de actuacións feito no despacho ou na sede do meu partido. É certo que en cada periplo electoral fun apuntando carencias e obxectivos que cría necesarios para o benestar dos veciños de Outes, pero ningún se plasmou nos programas sen que antes existise unha petición clara dos directamente afectados en tal sentido. Tamén nesta ocasión estamos a percorrer as parroquias, e xuntándonos con colectivos veciñais, asociacións e outros grupos sociais para saber das súas necesidades. Logo serán esas demandas as que figuren no programa e ás que nós tentaremos darlle cumprida solución en canto as distintas situacións nolo permitan. Queremos que o programa teña a implicación dos outenses.

-Pasou vostede, recentemente, por una situación delicada de saúde. Como se atopa de forza e ánimo para seguir na alcaldía?

-Certo que durante uns meses vin a cara amarga da vida, a dor física. Non tiven medo a morrer, pero decateime da importancia que ten a saúde, e da necesidade que todos temos de coidarnos. Agora, plenamente recuperado, asumo con moitas gañas e espero que tamén con forzas, un novo periplo electoral, e si os veciños seguen a confiar no grupo que encabezarei, procurarei non defraudalos, como creo que levo feito no tempo que levo á fronte do Concello.

-Seguindo coa saúde, en Outes hai un colectivo grande de persoas maiores. Está plenamente atendido dende o Concello?

-Outes é un dos concellos que máis aporta para contribuír á asistencia social, pero aínda non é suficiente. Si renovo como alcalde será ese grupo social ao que se dedicará un esforzo especial, tanto na asistencia a domicilio, coma na atención de calquera tipo de axuda ou necesidade. Tamén me propoño crear un programa informativo, de asesoramento e tamén de axuda e atención ao seu ocio, para aqueles veciños que teñen dependentes ao seu cargo.

CARLOS LÓPEZ CRESPO ALCALDE A OUTES E CANDIDATO POLO pp

LA CARRERA hacia EL 24-M

«Todo o que se refira ao mar, ao marisqueo e ao turismo, terá o noso apoio»

Coa renuncia de José Manuel Santos a presentarse ás eleccións en Mazaricos, o outense Carlos López Crespo pasará a ser o alcalde máis lonxevo da democracia municipal en territorio barbancés. A pesares diso, non perde a chispa que sempre caracterizou o seu trato.

-Outes ten centros sociais en tódalas parroquias. Non son moitos para darlles utilidade?

-Nós transformamos as antigas escolas unitarias en lugares de ocio e formación. Temos un amplo programa municipal de divulgación, divertimento, asociacionismo, e tamén formativo, pero aínda non é plenamente efectivo. O ideal é que funcionen todo o ano e que dean servizo aos colectivos sociais. Deben ser como unha especie de centros de día para os maiores, lugares de reunión para a veciñanza, foros dende os que se oferten actividades de todo tipo, e tamén onde a xente poida contactar e desenvolver calquera faceta cultural.

-Non se estará esquecendo da xuventude?

-Para nada. A cultura, o deporte e a atención aos servizos asistenciais serán a miñas prioridades si prosigo no goberno local. Cumpridos os grandes obxectivos de crear instalacións e servizos, queda agora a dedicación plena aos problemas e ambicións das persoas. Nese senso a preocupación polo ensino, o fomento da cultura, a atención ao ocio xuvenil e a promoción do deporte terán un oco moi especial para o meu goberno.

-E no aspecto produtivo, cales van a ser as súas propostas?

-Para Outes é transcendente a dependencia do mar e do turismo. Eses sectores son as nosas principais fontes de riqueza. O Concello non pode ser alleo a esa realidade e todo o que se refira ao mar, ao marisqueo ou á actividade turística terán o noso apoio. Nuns casos a pureza das augas residuais, e noutros as promocións e outras axudas, serán algunhas das nosas apostas.

-Como vai ser a candidatura?

-Xa completamos a lista coa que nos presentaremos á reelección. Hai pequenas modificacións con respecto ao grupo actual. A maioría dos integrantes da candidatura volven a ser os mesmos cos que me inicie nesta aventura política, e tanto eu coma eles sentímonos satisfeitos e orgullosos do acadado e ilusionados por seguir prestando o noso servizo aos outenses.