«Nicolasa Añón foi pioneira no eido da literatura feminina»

OUTES

O escritor, no acto de presentación do libro, editado da man de Terra de Outes.<span lang= es-es > </span>
O escritor, no acto de presentación do libro, editado da man de Terra de Outes. marcos creo< / span>

Ramón Blanco ven de publicar un traballo sobre a irmá do vate outiense que obriga a cambiar a historia no tocante ás primeiras autoras

12 mar 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

É un gran coñecedor da vida e da obra do poeta outiense por excelencia, Francisco Añón. Foi precisamente estando mergullado na traxectoria deste vate cando o escritor Ramón Blanco descubriu a obra da súa irmá, Nicolasa Añón. Aínda que se trata de sinxelas coplas romanceadas, pola época na que foron creadas, mediados do século XIX, obrigan a mudar a historia da literatura galega no relativo ás primeiras autoras, relación que ten que verse necesariamente incrementada coa veciña de Outes.

-¿Como xurdiu o traballo de recuperación da obra de Nicolasa Añón?

-Levo case doce anos traballando sobre Francisco Añón e cando fixen o primeiro estudo como coautor dunha unidade didáctica xa sabía da existencia de Nicolasa pola tese doutoral de Fernando Bel Ortega e tamén pola biografía novelada de Xosefina López Serantes. Tiña incluso unha fotocopia dos versos que me facilitaran no Concello de Outes no 1998. Foi tempo despois, no 2012, coincidindo coa presentación da biografía de Francisco Añón, cando se achegou a min un veciño, Francisco Martelo, para ofrecerme un manuscrito coas poesías. Foi entón cando empecei a traballar no tema.

-¿Que foi o que máis lle sorprendeu da obra desta autora descoñecida?

-Aínda que a nivel literario non é unha autora destacada, si que me sorprendeu o feito de que unha muller labrega e analfabeta coma ela tivese esa capacidade para transmitir sentimentos. Na súa obra fai referencias á Biblia e incluso a Tirso de Molina.

-¿Existe algún paralelismo entre a obras dos dous irmáns?

-Si, si que poden establecerse certos paralelismos. Por exemplo, a temática costumista; os dous transmiten moi ben como era un día de festa ou de romaría en Outes. Tamén fan descricións moi áxiles sobre o carácter da xente, con dúas pinceladas dan unha idea clara sobre unha persoa.

-¿Pensa que o feito de ser muller determinou que a súa obra ficara na escuridade?

-Por suposto. O manuscrito que chegou ao meu poder é de 1885. Un xornalista de Noia, Lisardo Barreiro, xa tiña publicados algúns dos poemas. El nunha ocasión dixo que escoitara de labio dun amigo que o propio Añón dicía que se a súa irmá tivese escola os seus versos farían que os del se esqueceran.

-¿Tan importante é a obra de Nicolasa?

-Non é unha gran poesía, son composicións de carácter popular, pero ten importancia pola época na que foi escrita. Nicolasa é contemporánea de Rosalía de Castro e, coma ela, foi pioneira no eido da literatura feminina. De feito, a raíz da presentación do meu libro, tanto a Real Academia Galega como o Consello da Cultura incorporaron referencias súas.

-¿Que proxectos ten agora enriba da mesa?

-Estou cun proxecto complicado que mestura ficción, reportaxe xornalística e ensaio; e tamén estou dándolle voltas a unha novela curta. A maiores, levo tempo recollendo cantigas populares e xa teño sete ou oito poetas que estaban no anonimato.

ramón blanco escritor