A praza do Tapal será escenario dun festival no que se concentrarán estilos cómicos a cargo de A Banda do Sequío, Oswaldo Digón, Federico Pérez e Pepo Suevos
24 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Históricamente, as festas de San Marcos de Noia eran moi esperadas, xa que a súa chegada constituía o fin da travesía invernal sen grandes celebracións despois de que o San Roquiño de Tállara puxese o peche a finais de setembro. Os máis vellos barbanceses lembran como acudían á vila noiesa entusiasmados a mercar gando ou a desfrutar da feira, e como, ao regresar, o ánimo era menos xa que aínda quedan meses por diante para que cheguen outras citas importantes.
Este ano, as históricas festas noiesas rematan en domingo, polo que a xornada final non pode desmerecer ás outras anteriores, e a música copa un programa que, como nos dous días anteriores, empeza cedo e rematará a primeira hora da madrugada. Porén, o domingo é tamén unha boa ocasión para desfrutar de todo o que rodea ás celebracións, pero tamén da gastronomía e do casco antigo.
09.00 As bombas de palenque, lanzadas desde o peirao do Marqués, espertarán aos noieses na ultima data das celebracións.
11.00 Noia é «país de alegría» e tamén de música e de músicos que son claves nesa consideración. E nesa conclusión é clave unha agrupación da que saíu ese himno extraoficial sobre a alegría dos veciños, trátase da Banda de Música de Noia, que entrará na vila a esta hora para animar as dianas e alboradas.
13.30 Tan pronto remate o percorrido polas rúas, a mesma Banda de Música de Noia ofrecerá un concerto desde o palco da Alameda, actuación que, como ocorre coa verbena da orquestra París e cos pasarrúas de Salgueiriños, son tradicións nas citas festivas da vila e constitúen unha homenaxe ás agrupacións musicais da vila de Noela.
17.00 Turno para os máis pequenos na Alameda, onde se desenvolverán actividades e se instalarán xogos para que desfruten toda a tarde.
21.00 A primeira hora da noite do último día chegará o Petardeo, un festival no que se concentran varios estilos cómicos. O do grupo A Banda do Sequío, que mestura ritmos mexicanos con divertidas e animadas letras galegas; e os contos e monólogos dos contrastados artistas Oswaldo Digón, Federico Pérez e Pepo Suevos, que seguro que encheran a praza do Tapal de gargalladas.
21.30 Mais os amigos da música de orquestra e do baile terán a ocasión de despedir a edición do San Marcos de Noia como máis lles gusta, xa que haberá unha verbena a cargo da orquestra New York.
E así clausurarase a primeira das grandes celebracións noiesas que terán continuidade no verán coa Feira Medieval, que habitualmente se desenvolve a mediados de xullo, e as festas patronais de San Bartolomeu, que teñen lugar arredor do 24 de agosto, data na que se honra ao patrón da vila, e en cuxo programa acostuman estar as agrupacións musicais da vila así como a actuación dun grupo relevante do panorama estatal, o que volve a poñer a Noia no epicentro dos afeccionados aos concertos.
H
A Banda de Música de Noia ofrecerá un concerto no palco da Alameda. FOTo MARCOS CREO