Foliada, festa ecuestre e música para todos

La Voz

NOIA

Intenso programa no día principal que a medianoite vivirá o concerto do célebre grupo granadino La Guardia

24 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O 25 de abril é San Marcos no calendario e na vila de Noia, data marcada en vermello non só polos veciños, senón tamén por residentes da redonda e de máis lonxe, que poñen a poboación de Noela como epicentro de entretemento tanto para desfrutar da música, como dos cabalos que se expoñen na feira, a mostra da maquinaria agrícola, coas novidade máis destacadas, e tamén do casco histórico camiñando polas súas rúas ou gozando da súa hostalería e gastronomía. E este ano, para animarse máis a ir a Noia, o día principal cadra en sábado, polo que o cheo debería estar garantido, máis aínda tendo en conta que o programa incorpora a actuación do grupo La Guardia, para os nostálxicos da movida dos anos oitenta.

09.00 As bombas de palenque, lanzadas desde o peirao do Marqués, volverán a soar cedo, o que se xustifica porque estamos na xornada central das festas.

09.00 Á mesma hora ponse en marcha a feira cabalar, orixe das celebracións, e a de maquinaria agrícola, ambas situadas no barrio de San Lázaro.

10.00 Non poden faltar as dianas e alboradas de rigor, das que se encarga o grupo tradicional Salgueiriños.

11.00 As rúas do casco histórico de Noia énchense de tradición coa Foliada Popular, na que sobresae a música e os traxes rexionais.

13.00 Outra novidade do programa deste ano é a celebración de unha sesión vermú, a cargo das pandereteiras de Boubas, na Praza do Curro.

14.00 Pero tamén poderán mover o esqueleto os afeccionados á verbena noutra sesión vermú que a orquestra Trébol animará na Alameda.

16.30 Despois do xantar, volve a feira cabalar, en San Lázaro.

17.30 Na mesma feira, van ser os nenos os que teñan ocasión de divertirse con actividades para eles arredor dos cabalos, e un festival ecuestre.

22.00 Non faltará animación na praza do Tapal polo grupo local Carabela.

22.30 A verbena, na alameda, correrá a cargo da orquestra Trébol, que se alternará con Disco Chocolate.

00.00 Chega unha das citas principais da festa, a actuación de La Guardia (Praza do Tapal).