Quince persoas integran o núcleo forte de Serra do Barbanza, a asociación que este ano organiza a Feira Cabalar
24 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Programar actividades que sirvan de punto de encontro para os afeccionados ao mundo equino é o obxectivo principal de Serra do Barbanza, a asociación xurdida a comezos de ano en Noia. O núcleo forte desta nova entidade está formado por quince persoas, das cales sete integran a directiva que lidera Adrián Bermúdez Lago. A súa gran estrea terá lugar este sábado, pois asumiron por vez primeira a organización da cita estrela das festas, a feira cabalar.
Precisamente, segundo esgrime o propio Adrián Bermúdez, foi a traxectoria descendente que viñan advertindo na proposta lanzada desde Noia a que os impulsou a tomar cartas no asunto: «Como afeccionados ao mundo do cabalo que somos viamos que a comarca estaba a quedarse sen actividades e que a feira dá nosa casa estábase perdendo». Alude, neste sentido, á paulatina desaparición dos curros que antigamente se celebraban na zona e que foron desaparecendo: «Non hai un día sinalado que invite aos propietarios de cabalos a xuntarse. O único que queda é o 25 de abril, San Marcos, e queremos que a xente se volva enganchar».
Especialistas
Adrián e os seus colaboradores son afeccionados que ansían atoparse cos seus exemplares para facer roteiros ou para participar en competicións: «No grupo hai especialistas en diferentes probas, como velocidade, salto ou resistencia, pero tamén persoas que o único que buscan é dar paseos en compañía». Aínda que a asociación xurdiu en Noia, reúne tamén a apaixonados ao mundo cabalar doutros puntos da comarca, fundamentalmente de Boiro.
A estrea oficial será no San Marcos, unha cita na que Serra do Barbanza leva traballando desde a súa fundación, pero realmente a entidade xa se presentou en sociedade con anterioridade. En Nadal achegou ás actividades organizadas polo Concello noiés a burra que acompañou a Papá Noel durante o percorrido que fixo pola vila e tamén dispuxo varios cabalos para a cabalgata dos Reis Meigos.
Próximas actividades
En canto pasen as festas de San Marcos, Adrián Bermúdez e os seus compañeiros nesta aventura poñeranse ao choio para deseñar un programa de actividades, posto que o seu obxectivo é lanzar propostas de forma periódica durante todo o ano. O presidente da entidade admite que xa ten varias encima da mesa, que prefire ir dando a coñecer a medida que se vaian pechando. Atrévese a mencionar unha que lle fai especial ilusión: unha peregrinación a cabalo que teña a praza do Obradoiro compostelá como meta.
A entidade ten as súas portas abertas para todo aquel que sinta atracción polo mundo equino e queira formar parte dela. Entre as súas prioridades está involucrar ás novas xeracións, para o que é necesario captar a atención dos máis mozos. Saben que non resultará complicado. De feito, cando a finais de outubro celebrouse a posta de longo de Serra do Barbanza foron varios os nenos que se animaron a acariñar, cepillar e mesmo montar os cabalos dispostos para eles polo colectivo.
«Somos bastantes os afeccionados ao mundo cabalar que hai na comarca, o que queremos é xuntar a todos», destaca Adrián Bermúdez, que os empraza a acudir á Feira Cabalar de Noia nreste San Marcos.