A homenaxe serviu para poñer en valor a figura do autor falecido no 2018 e repasar a súa gran herdanza literaria
19 abr 2026 . Actualizado a las 19:18 h.A música do saxofonista Pablo Sax serviu para abrir e pechar unha homenaxe moi especial que o Concello de Noia organizou para lembrar a figura do escritor Maxi Olariaga. O edificio do Casino viviu unha xornada de gran sensibilidade e recordo ao autor; un acto cualificado pola concelleira de Cultura, Chelo Martínez, como «moi emotivo» e que serviu para poñer en valor a figura e a herdanza literaria do autor falecido no 2018.
Tras a música coa que se iniciou a cita tomaron a palabra o alcalde de Noia, Francisco Pérez e a edila de Cultura para presentar o acto e dar a benvida aos participantes. A continuación, o protagonismo recaeu nas intervencións de figuras próximas e estudosos da súa obra, Manolo Carredano, Luís Veiras, Rafael García, Ana Blanco, Rafa García e Aurora Marco.
Anécdotas
Cada un dos relatores compartiu recordos e anécdotas privadas que debuxaron o perfil de Maxi Olariaga, un home caracterizado pola súa amabilidade, a súa desbordante imaxinación e unha forma de escribir única, marcada polo enxeño e a evasión.
Un dos momentos centrais do acto foi a intervención de Aurora Marco, quen realizou un detallado repaso por toda a traxectoria literaria do autor. Como broche final a este recoñecemento, o departamento de Cultura fixo entrega dun libro editado especialmente para a ocasión, que recolle a obra de Maxi Olariaga e dedicatorias dos participantes no acto.
Esta homenaxe non só lembrou a obra do desaparecido escritor senón que reafirmou o compromiso de Noia coa preservación da súa memoria cultural. Esta cita serviu como colofón aos actos organizados polo Concello con motivo do Día de República, e que tamén incluíron o día anterior unha mesa redonda na que participaron o doutor en Educación Manuel Barreiro; a licenciada en Historia Antonieta Caramés; o catedrático de Xeoloxía José Antonio Pérez; a deputada de Memoria Histórica, Sol Agra; o doutor en Ciencias Sociais Joan Evans; e a decana da Facultade de Ciencias Políticas, Marta Lois, que actuou de moderadora.