Noia lembra a Maxi Olariaga e os bombardeos de xullo do 36 polo Día da República

La Voz

NOIA

Aurora Marco con un ejemplar de su libro sobre María Vázquez
Aurora Marco con un ejemplar de su libro sobre María Vázquez

Cinco especialistas intervirán o día 17 nunha mesa redonda e Aurora Marco presentará un libro o 14

08 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O 25 de xullo de 1936, cando boa parte de Galicia estaba xa en mans dos militares fascistas e dos falanxistas, un hidroavión lanzou tres bombas sobre Noia para tratar de forzar a rendición da vila. Dous caeron sen estoupar na avenida de Galicia e no Campo da Feira, mentres que o terceiro estalou sobre a Casa da Agra. No 2015, o goberno local colocou tres placas nestes puntos, que co tempo foron eliminadas. Agora, coincidindo cos actos do Día da República, serán recolocadas, ao tempo que se lle renderá homenaxe a Maxi Olariaga polo seu labor en defensa dos valores republicanos.

O programa impulsado polo Concello arrancará este sábado (Coliseo Noela, 20.30 horas) coa representación da obra O mestre, escrita por Xosé Agrelo, a cargo da agrupación teatral O Xeito.

As actividades continuarán o 14 (casa da cultura, 20.30) coa presentación do libro María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo, a cargo da autora, historiadora Aurora Marco.

Para o día 17 está prevista a celebración dunha mesa redonda sobre a II República, na que ofrecerán a súa visión Manuel Barreiro, doutor en Educación e especialista en divulgación pedagóxica da memoria; Antonieta Caramés, licenciada en Historia e técnica de Turismo; José Antonio Pérez, catedrático en Xeografía e autor de publicacións e traballos relacionados coa represión franquista; Sol Agra, deputada provincial de Memoria Histórica; e Joam Evans, doutos en Ciencias Sociais. O faladoiro, que se desenvolverá ás 20.30 no Casino, será moderado por Marta Lois, decana da Facultade de Ciencias Políticas.

A concelleira de Memoria Histórica, Chelo Martínez, destacou como obxectivos do programa poñer en valor os principios de liberdade, igualdade e xustiza.