O certame está dotado cun premio único de mil euros
03 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.De cara a maio, o mes da letras por excelencia, o Liceo de Noia lanzou o seu habitual chamamento aos escritores, convocando un novo certame de relatos. A iniciativa, que busca promover a creación literaria en lingua galega, chega á súa vixésima edición. Haberá un premio único de mil euros para o gañador.
As persoas que desexen concorrer poderán elixir o tema con liberdade, tendo en conta que deberán axustarse a unha extensión mínima de tres folios e máxima de seis. O prazo para remitir os traballos á sede do Liceo noiés, situada na alameda da localidade, concluirá o 1 de abril.
Desde a dirección da entidade explicaron que o fallo do xurado, que estará integrado por persoas vinculadas ao eido da literatura galega, darase a coñecer o 17 de maio, coincidindo cos actos que se promoverán para festexar o Día das Letras Galegas.
A obra que resulte gañadora será publicada na revista Alameda que edita a entidade. O seu presidente, Óscar Prego, referiuse á importancia que ten para a directiva este concurso, por tratarse dunha das actividades tradicionais da sociedade.
Neste sentido, o dirixente do Liceo noiés sinalou que este certame é unha clara aposta pola lingua galega e pola literatura, ao tempo que animou ás plumas da comarca a participar presentado os seus relatos.