A risa da nosa nai, cando me vía baixando pola escaleira descalzo, nunca se esquece
01 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A risa da nosa nai, cando me vía baixando pola escaleira descalzo, nunca se esquece. Entón collíame nos seus longos brazos e sentábame na porta do forno, ao carón da fogueira que había na lareira. Desde alí quedaba pasmado ollando como bailaban as chamas debaixo da cheminea. Entre o lume ardían os garabullos dos piñeiros. E logo soñaba esperto. Aínda este vello corazón lembra aquela antiga cociña, a primeira da casa: levamos con nós o perfume do seu fume. Iso, aquilo que foi, tivo lugar antes, moito antes de entraren nas nosas casas as de gas butano, a rapidez fronte da lentitude das de ferro e da lareira, que nos invernos traballaban día e noite.
Por aqueles tempos, máis ou menos, apareceron nas nosas modestas vidas as televisións e os muíños eléctricos. O descubrimento destes anunciaba o principio da fin das moendas. Era iso no tempo do reducido firmamento da nosa infancia. Por entón, gardabamos os fracasos que coleccionabamos acotío nun chineiro escangallado que durmía debaixo dun manto de po nun curruncho esquecido por todos no fondo do alboio. Ninguén sabía daquel cornecho e polo tanto ninguén os podía contar, agás nós.
Despois de días e noites de temporais encadeados, veu un amencer en calma. A mañá espertou cos raios de sol caendo sobre o arboredo. Fóra escoitábase ademais un chirlar de paxaros como había meses non oiamos. Un pouco antes do mediodía, camiño de Noia para visitar a residencia de maiores onde está internado o compañeiro e amigo José Joaquín Cortés, miras como a luz acariña a tristeza dos campos da Silva, un pouco por enriba de Mieites.
Naquela pequecha aldea, rememoras, foi onde fixeches a caña de augardente por última vez. Luís Maceiras, que herdou a pota e o alambique de seu pai, Moncho do Brión, dirixiu a manobra a petición de Xan da Fonte, un íntimo amigo do seu proxenitor dende a adolescencia, cando levaban os dous o gando a pastar aló por encima de Cabanelas.
Outra tristeza ben distinta latía nos rostros das vellas e vellos internados na residencia de maiores, que, de súpeto, irrompeu na nosa imaxinación coma unha ateigada nave dos recordos navegando no mar das acordanzas. Namentres conversabades mirando cara a unha cristaleira a través da cal se percibía un xardín, de súpeto, caeu unha forte e densa chaparrada. Era tanta a auga que descendía do firmamento que semellaba case branca, coma se fose unha sarabia golpeando con furia contra dos cristais: «Mira como chove!», resaltou o compañeiro. Mais a chuvascada meteuche dentro dunha nube ou dun entresoño. E foi entón cando sentiches como desde moi lonxe falábache unha voz, unha voz que quería contar unha historia. Dicía así:
«Lembro unha vez, cando papá aínda vivía en Cabo da Cruz, preto do mar bravo e os ventos cheos de salitre que cortaban as caras, aínda que el non era de barcos. El subía a Boiro montado nun cabalo de crinas castañas longas e ben peiteadas. Cando baixou do seu corcel, o que atou nunha das argolas que había diante da casa de Ermitiñas, topouse de fronte na beirarrúa á moza Maruxa que camiñaba ergueita e garbosa. Olláronse e aconteceu un frechazo no medio e medio dos seus corazóns. Uns poucos anos máis tarde viñemos nós, irmáns queridos. Mais arestora xa só eu fico neste mundo. Recordades as cantigas que nos traían das romarías? Lembro a que me dedicaron cando aínda durmía no berce: “Paxariños que ides voando polas ramas dos loureiros…” Hoxe en día ninguén canta esta melodía, pois todo vai caendo entre o po do tempo».
Entón volviches en ti ao oír que José chamábate. «Ai!, perdoa, funme». Estaba coma nun fondo soño. E logo pensaches que xa non sabías de quen era a voz que che falou, se a de José, que sorría cos seus ollos mornos e claros, ou se soñaches que era el, ou se ti no soño soñado.