
Un acueduto subterráneo, exemplo de enxeñería hidráulica medieval
01 mar 2025 . Actualizado a las 05:10 h.No extremo dunha rúa de Noia figura un deses monumentos modestos nos que non se fixa moita xente; porén, trátase da memoria dun dos elementos estratéxicos para a supervivencia da vila como é a auga. Dispor de auga doce en cantidade suficiente era unha condición fundamental para a existencia dun enclave urbano. De aí que nas orixes sexan tan frecuentes emprazamentos urbanos levantados á beira dos ríos. Pero as correntes de augas superficiais son fácil presa da contaminación, sobre todo a medida que a poboación urbana medra e diversifica as súas actividades produtivas. Por iso, a auga destinada ao consumo humano prefírese que proceda do interior da terra, pois as posibilidades de contaminación son moito menores. Dispor de limpos e abundantes mananciais que garantan unha boa calidade das augas para os habitantes da cidade constituíu sempre unha prioritaria preocupación das autoridades municipais. Para a súa captura e condución realizáronse obras que constitúen inxentes traballos de enxeñería.
O principal manancial que alimentaba de auga as fontes da vila de Noia, e que foi sempre considerado fundamental para abastecer de auga o núcleo, era o da Devesa do Rei. Estaba situado na periferia da vila, ao nordés da mesma, a unha distancia aproximada duns 2,5 kilómetros. Dende este brote acuífero afastado, a auga chegaba encanada baixo terra ata a vila para fornecer de auga as súas fontes. Santiago Abella (1911) non dubida en cualificar esta condución en pedra como: «Una de las obras más notables y de mérito que tiene Noya y que no todos conocen ni saben apreciar». Na descrición que nos proporciona o autor de La villa de Noya. Su historia, su topografía, sus monumentos y sus hombres ilustres desta senlleira construción, dinos que «está formada de pilares de piedra de sillería de un metro y medio de largo, taladrados a barreno por el centro y machembrados y unidos entre sí por los extremos». En canto á súa antigüidade suxire que debe ser anterior ao século XV.
A través deste acueduto subterráneo, exemplo de enxeñería hidráulica medieval, a auga limpa chegaba ás fontes da vila amurallada. Baixo terra, o subministro de auga estaba garantido, incluso en caso de asedio. As fontes públicas, tanto as situadas dentro coma fóra do espazo murado, constituían os puntos de distribución e cumprían a importante misión de abastecer de auga as casas carentes de pozo propio, a grande maioría. Extra muros da vila, a Fonte da Angustia era considerada como estratéxica. Así, cando se autoriza o traslado dos franciscanos a este lugar (1522), unha das condicións fai referencia a que en ningún caso o novo edificio pode prexudicar os canos de auga, nin tampouco pretender tomar auga dos mesmos, dado que toda ela é necesaria para a vila, escaseando incluso no período estival. No espazo intramuros existían igualmente fontes ás que chegaba a auga procedente do citado manancial exterior, tamén por medio de canos de pedra.
Mulleres nas fontes a facer quenda para encher as sellas, que logo transportaban na cabeza aos domicilios particulares, constitúe unha desas paisaxes efémeras que caracterizaban vilas e cidades ata avanzado o século XX. Estamos tan acostumados a ter billas nas nosas casas, e a poder obter delas toda a auga que necesitamos, que non somos conscientes do preto que están os tempos en que careciamos de tan senlleiro privilexio. En Noia, a? ? primeira traída de augas que permitirá a distribución directa por tubo ata as vivendas realizarase no ano 1930.
Noia. Restos do acueduto medieval musealizados na rúa