
«Non serve de nada votar a favor dunha norma se despois se pretende converter en papel mollado», critica o voceiro nacionalista
19 feb 2025 . Actualizado a las 15:49 h.No 2021, o Concello de Noia aprobou unha ordenanza reguladora do uso da lingua galega. A iniciativa partiu do BNG, que agora esixe ao goberno local que cumpra coa norma. Entre as medidas que recolle, figura a creación dun servizo de normalización lingüística estable con recursos económicos e humanos suficientes, porén, «o executivo municipal négase a poñelo en marcha e está a cometer un incumprimento sistemático e consciente da ordenanza», denuncia o voceiro nacionalista, Ricardo Suárez.
Lembra que a Deputación saca todos os anos unha liña de axudas destinada á creación e mantemento dos servizos de normalización dos concellos, pero Noia non se acolle a ela. Non é o único incumprimento denunciado polo BNG, que tamén incide en que «nin sequera existe unha área de goberno que se ocupe do impulso da lingua». Esta situación, engaden, «tradúcese en incumprimentos recorrentes das obrigas do goberno, co desenvolvemento de actividades e a posta en marcha de accións nas que o galego desaparece, así como cunha ausencia de medidas para a recuperación da toponimia do concello ou o establecemento dunha sinalización adecuada».
Para Suárez é «moi grave» que o executivo non cumpra unha ordenanza «que é un mandato legal que hai que respectar». E conclúe: «Non serve de nada votar a favor dunha norma se despois se pretende converter en papel mollado»