Francisco Castro mantivo en Noia a grande incógnita sobre «A historia de Sara»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

Non desvelou o tema central do texto, un libro ilustrado para adultos, pero apto tamén para os nenos

03 jun 2023 . Actualizado a las 19:44 h.

Son poucas as presentacións literarias que conclúen deixando como gran incógnita entre o público o tema principal da historia narrada. Pero a que tivo lugar a noite do venres na casa de cultura Antón Avilés de Taramancos de Noia foi unha delas. O autor, Francisco Castro, non quixo desvelarlle aos presentes o motivo polo que a protagonista de A historia de Sara se mantén en silencio ao longo de toda á narración. Si lanzou algunhas pistas, referíndose a dita razón como terrible.

«Porque cando es pequeno non tes palabras para expresar o que che pasa. Porque cando se destapa unha cuestión desta índole, a meirande parte das veces, a verdade é ocultada», explicou o escritor. Engadiu que a obra que o levou a Noia, convidado pola asociación Barbantia, non é actual, senón que foi escrita hai xa moitos anos: «O reto era publicala, era falar disto». Por iso, tal e como engadiu, «o premio é que o libro estea aquí».

Sen desvelar o tema central do volume, Francisco Castro falou de outros aspectos da obra, cualificándoa de libro ilustrado para adultos, axeitado tamén para a lectura por parte dos cativos: «Os nenos van entender sobradamente o que se conta». Para os debuxos, contou con Luz Beloso, á que quixo felicitar polo seu traballo: «En canto o leu díxome que ía ser o traballo máis complexo da súa vida, pois hai páxinas que só conteñen unha frase».

Como non podía ser de outro xeito, tampouco as persoas que acompañaron a Francisco Castro na presentación despexaron a grande incógnita. María Xesús Blanco, a presidenta de Barbantia, recoñeceu que a primeira vez que leu A historia de Sara sentiu dor: «Estás mergullándote no texto e estás pensando en persoas próximas que pasaron o mesmo».

Pola súa banda, o escritor Antón Riveiro Coello referiuse ao texto como «un relato inquietante, case unha historia de medo». Sobre o tema, destacou que «calquera persoa que lea o libro pode intuír o que vai pasar, por iso é moi complicado falar deste texto sen referirse ao tema».

A presentación contou coa asistencia do rexedor noiés, Santiago Freire, que felicitou ao autor por «ter a valentía de publicar este libro tantos anos despois de escribilo».