Noia, ou «Noela» ou «baño»

isabel santos

NOIA

Existen teorías varias sobre a orixe do topónimo

25 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Noia é a pomba que estende as súas ás cara a Santiago e cara a Fisterra. Ten unha lenda propia relacionada co nome da filla do bíblico Noé: Noela, que para iso hai unha arca —ou algo semellante— no escudo da vila. Pero existen teorías varias sobre a orixe do topónimo. Na documentación medieval tense mostrado como Nogia, Noya ou Noia, por iso o valor etimolóxico queda diminuído pola diversidade destas grafías. Estrabón menciona unha Noíya en territorio ástur, que recolle o tamén xeógrafo P. Mela como Noega, vinculada coas «aras sestianas» e co feito de estar na costa, dous elementos comúns coa nosa Noega.

Tamén Plinio bota unha manciña neste asunto, ubicando xeograficamente a Noega galega entre os Tamarici e os Praestamarci: entre os veciños do Tambre e os pobrenses de Posmarcos. Etimoloxicamente temos a raíz indoeuropea *neigw- «enxaugar», que sería, por exemplo, a orixe do río francés Noye, afluente do Avre, documentado en 1912 como Noia, coincidente coa nosa. Estariamos ante un hidrónimo, como moitos en Galicia, pola súa localización na ría, ben cinguida pola auga.