O BNG posiciónase a favor da renovación do edificio xudicial de Noia

C. S. RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

Pérez e Suárez comprobaron o estado dos xulgados de Noia.
Pérez e Suárez comprobaron o estado dos xulgados de Noia. cedida

A intención da formación nacionalista noiesa é tratar o tema na vindeira sesión plenaria

18 ene 2023 . Actualizado a las 18:27 h.

O BNG posicionouse a favor da renovación do edificio xudicial de Noia. Esta petición vén provocada pola recente caída de parte do teito dunha das estancias desta estrutura, motivo polo que a formación mantivo unha serie de reunión coas federacións de Xustiza da CIG e de UGT. Tralas conversas as tres organizacións coincidiron na necesidade de acometer unha serie de melloras nunhas instalacións «que non poden continuar nesas condicións por mais tempo».

Neste senso, o voceiro do BNG de Noia, Ricardo Suárez, denunciou que o estado do edificio xudicial noiés dificulta o cometido para o que está dirixido: «Aos problemas derivados da insuficiencia do espazo dispoñible engádeselle as derivadas das fallas estruturais do propio edificio».

Segundo explicou o tamén candidato á alcaldía de Noia, a intención dos nacionalistas é levar este tema a próxima sesión plenaria. Esta medida ten como obxectivo que os servizos técnicos desenvolvan un estudo cos requisitos que precisarían as instalacións xudiciais para o seu funcionamento adecuado.

«A caída do teito interior non é un feito illado, pois non é a primeira vez que acontece. A isto haille que sumar as filtracións de auga, que poñen en perigo a saúde do persoal e das persoas usuarias, ademais de que poden provocar avarías no servidor informático e destruír documentos», asegurou Suárez.

Dende os sindicatos UGT e CIG sinalan que levan varios anos denunciando as condicións deste espazo. Segundo explican, a estes problemas engádeselle o estado do arquivo, unha estancia que aseguran que se atopa condicionada polas humidades e a escaseza de espazo.

Máis peticións

Pola súa parte, a deputada do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, aseverou que as últimas medidas de eficiencia enerxética e pintado que se levaron a cabo recentemente no edificio xudicial «non supoñen unha reforma estrutural que solucione os problemas de espazo e seguridade laboral».

Por este motivo Pérez anunciou o rexistro de varias iniciativas relacionadas coa mellora da devandita estrutura. Con este movemento a formación nacionalista pretende, en palabras de Rosana Pérez, «obter a necesaria implicación da Xunta de Galicia na busca de solucións para o edificio xudicial noiés».