O derbi de Barbanza no cumio: «A ver se este ano ascendemos os dous equipos»

NOIA

MARCOS CREO

O Noia, líder do grupo norte de Preferente, visita mañá ao rochoso Boiro

14 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O estadio municipal de Barraña vivirá mañá (16.30 horas) todo un derbi de Barbanza entre dous equipos, Boiro e Noia, que, ademais, ocupan os primeiros postos do grupo Norte de Preferente. La Voz de Galicia xuntou nas bancadas do feudo boirista a dous dos capitáns: o rianxeiro Pablo Rivas, que militar no Noia, e o ribeirense Pablo Vidal, do Boiro, que lucirá o brazalete debido á ausencia de Borja Outerial por lesión.

—Como lembran o seu último derbi?

—Pablo Vidal: Foi en Noia e vós xa o tiñades feito.

—Pablo Rivas: Si, non subías directo, pero xa estabamos clasificados para a seguinte fase. Ao final nós puidemos ascender. Era difícil facelo, porque eran só catro partidos e o primeiro partía con vantaxe. Aínda así, o Boiro tivo unha oportunidade ao final contra o Sofán.

—V: A ver se este ano ascendemos os dous equipos. Estamos os mesmos equipos que hai dous anos: Noia, Boiro e Sarria.

Asinan entón un dobre ascenso en Barbanza.

—R: Si, eu tamén. Gustaríame que podamos depender de nós na última xornada. A pesar da distancia que temos co Boiro [6 puntos] queda toda a segunda volta. Moitos equipos van apertar e os campos, polas choivas, están como están.

—V: Vaise decidir todo nos últimos catro partidos. Imos ser todos bastante constantes. O do Noia é algo fóra do normal, ten unha progresión de 90 puntos. Están a ter ese bo facer e un chisco de sorte que non estamos a ter os demais equipo.

—Como chegan Boiro e Noia ao partido de mañá?

—R: Nós vimos a Barraña sen presión. Chegamos cunha boa marxe de puntos. É un derbi e todos queremos gañar, pero poderemos especular co resultado.

—V: Non podemos perder. Queda unha volta enteira, pero temos que gañar si ou si. Iríanse a nove puntos. Somo un equipo que encaixa moi pouco [con nove goles, é o menos goleado do seu grupo] e temos as cousas moi claras. Algunha ocasión arriba imos ter.

—Como ve Pablo Rivas ao rival?

—R: Eles teñen que arriscar. Non encaixan apenas goles, xogan na casa e teñen arriba a Beda, que leva 13 tantos. Ficháronlle a el e a Saro, que veñen os dous de Segunda RFEF. Poucos equipos poden traer xogadores así.

—E Pablo Vidal, que pensa do Noia?

—V: Anxo Vidal é familiar meu. O que vexo desde fóra é que son un equipo. Os reforzo procedentes do Boiro viñéronlles ben. Teñen moita solidez.

—Como ven ambos o fútbol da comarca?

—V: En crecemento. Noia e Boiro estamos a pelexar por subir a Terceira RFEF: é onde teñen que estar os equipos da zona por afección e por todo o fútbol que se move aquí. O Cidade de Ribeira tamén ten potencial para estar aí.

—R: Foi unha pena o descenso do Puebla. Para os xogadores é bo que estean os equipos arriba, para non ter que ir moi lonxe a outros clubs co obxectivo de competir en Terceira RFEF. Tamén é importante para a canteira, que ten un aliciente máis no primeiro equipo.

—Pablo Rivas case consegue un ascenso co Boiro.

—R: Quedamos terceiros, xogamos contra o Barbadás e perdemos. Tiñamos un equipazo: Cardeñosa, Armental, Anxo... Logo teño dous asensos co Arousa e o Noia.

—V: Eu só teño un e foi con este adestrador, Anxo Casalderrey. Foi en Terceira División, co Compostela. Era o meu primeiro ano de maiores e xoguei pouco. Había bo equipo con Manu Castiñeiras e Roberto Piñeiro.