O BNG solicita axilizar con catro millóns de euros o desdobramento do corredor Brión-Noia
NOIA

Os nacionalistas consideran prioritaria a intervención na infraestructura
17 nov 2022 . Actualizado a las 17:10 h.O BNG presentou en Testal, no municipio de Noia, as emendas parciais que presentou aos orzamentos da Xunta de Galicia, entre as que destaca unha solicitude para axilizar o desdobramento do corredor Brión-Noia con catro millóns de euros máis para o vindeiro 2023.
A deputada nacionalista Rosana Pérez explicou a necesidade de que esa actuación se leve a cabo coa maior brevidade posible: «O PP chegou a afirmar que a licitación da obra ocorrería en novembro do 2010».
Nesta liña, Pérez mostrou o seu descontento por unha partida que considera insuficiente para satisfacer as necesidades cidadás da comarca. Ademais, explicou que a intervención no corredor é unha actuación prioritaria. «Dende o BNG defendemos a necesidade de desenvolver esta infraestrutura. Por isto consideramos necesario elevar a partida ata os catro millóns de euros, adiantando os prazos para que a autovía entre Santiago e Noia sexa unha realidade», sentenciou a deputada.
Outras apostas
Esta non é a única aposta en materia de transporte e mobilidade que propoñen dende a formación nacionalista, xa que tamén demandan un reforzo de 100.000 euros para mellorar as conexións comarcais de transporte público e a súa correspondente coordinación co servizo de autobuses de Santiago.
Por outra banda, tamén solicitan a dotación de medio millón de euros para un carril de bicicletas e un sendeiro peonil ao longo da AC-550 ao seu paso por Outes. Outra das actuacións que demandan na localidade é a reforma integral da avenida de Fisterra da localidade.