Maxi Olariaga, na memoria eterna

Ramón Ares Noal
X. Noal RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

Emotivo homenaxe ao polifacético noiés falecido hai catro anos

13 nov 2022 . Actualizado a las 18:37 h.

Hai pouca xente capaz de xuntar tanta unanimidade ao seu favor como Maximino Álvarez Olariaga, Maxi Olariaga, porque o noiés, en vida, foi quen de derrubar muros e distancias en todo aquilo que no común dos humanos se converte en argumento de peso para rifar e afastar, sexa na política, no fútbol ou na convivencia. E esa percepción fíxose realidade na homenaxe organizada con motivo do cuarto cabodano do falecemento do polifacético noiés nas instalacións restauradas do Casino de Noia, onde se xuntaron familiares, un feixe de amigos e unha numerosa concorrencia de noieses arredor da súa figura, que estivo presente en testemuñas e imaxes.

Nun acto cuxo peso recaeu en Manoel da Costa, amigo de Maxi, e presentado polo sempre imaxinativo Serafín Marcos, todo empezou coa interpretación dun tema musical a cargo de Rodrigo Romaní, á arpa, e Alba Blanco, como solista, de dúas cancións de Maxi: Chove e Mariñeiro. A continuación, tomou a palabra o alcalde de Noia, Santiago Freire, quen destacou a figura de Maxi nunha vila que sobresae pola súa vea artística.

Un amigo do homenaxeado co que compartiu aventuras nos Jesuitas de Vigo, Gonzalo, lembrou que coñeceu a Maxi nos sesenta, no colexio, e que xa era home de lecturas e moi dinámico. Perdeu o contacto con el dende o 64 ao 89, no que o retomaron. Cantou, acompañado pola súa guitarra, Verdes campiñas, que compuxeran e interpretaran nun grupo que tiñan no centro.

Poesía pura

Ana Blanco, docente e activista cultural noiesa, coa mestría que a caracteriza para recitar poesía, leu un poema de Antón Avilés de Taramancos, pero antes mostrou aos presentes unha postal que lle enviara Maxi Olariaga, co que mantiña unha gran amizade.

Tomou o relevo unha proxección de dous vídeos de Maxi e Gena, a súa esposa, cantando, ao que deu entrada Serafín Marcos cunha frase publicada por Maxi nunha das súas colaboracións en La Voz de Barbanza: «Sobre todas las artes reina la música».

Julio Pérez, amigo de Maxi e Gena, e que estivo con eles nos anos máis importantes da súa traxectoria musical, na que chegaron a estar nas emisoras estatais, referiuse ao noiés como «mi hermano» e lembrou os «años felices con Gena» nos que os seus temas se emitían por Radio Madrid.

Non faltou á cita o pintor Xosé Luís Veiras Manteiga, co que compartiu a sección Politecaturas nas páxinas da edición de La Voz de Barbanza. Fixo un repaso polos seus anos de amizade, que empezou na década dos sesenta.

En Basora

Tamén o poeta Manel Monteagudo tomou a palabra para contar como coñeceu a Maxi en Basora, cando chegou ao barco no que el mesmo traballaba cun chapeu e unha guitarra, e creron que se equivocara de nave e que era o pasaxeiro dalgún buque de pasaxe: «Foi ese amigo que todo o mundo quere ter», dixo del. E para rematar, deu lectura a un poema dedicado a Maxi.

Rafael García García, que foi correspondente de La Voz de Barbanza en Noia, lembrou o seu primeiro contacto con Maxi cando lle foi levar un artigo para publicar no periódico, o que foi o punto de partida dunha relación co xornal que durou máis de vinte anos.

A poesía tivo outro relevante oco para homenaxear a Maxi. En primeiro lugar, unha emocionada Iria Lago, coa que estivo no colectivo Sacou, lembrou que Maxi foi «unha persoa que me quixo e á que quixen moito», antes de dar lectura a un texto; e logo, a poeta Ana Romaní, que cualificou a Maxi de «escritor da vida» antes de dedicarlle tres poesías.

Tema ao piano

Pola súa banda, outro amigo de Olariaga sumouse ao acto por vídeo. Foi Alejo Amoedo, que coincidiu con el na presentación dun libro de Manoel da Costa. Tocou ao piano un tema de José Luis Pedrosa.

Pola súa banda, o delegado de La Voz de Galicia en Barbanza, Ramón Ares, fixo un repaso polas colaboracións de Maxi na edición comarcal extraendo frases dalgunhas delas para poñer en valor a súa clarividencia. Explicou como se publicou a súa última Maximalia catro días despois de que morrera, porque así era el, cumpridor ata a morte. Rematou dicindo: «As persoas non morren mentres haxa memoria, pero as grandes persoas como Maxi son eternas».

A continuación, o escritor e fundador de Barbantia, Antón Riveiro Coello, leu un poema que fixo expresamente para Maxi, ao que seguiu a proxección dun álbum de fotos que percorreu toda a vida do homenaxeado.

Pechou o fillo de Maxi Olariaga, Kerman Álvarez, quen, en nome de toda a familia, agradeceu a participación de tantos amigos de seu pai e lembrou as súas ensinanzas.