«Mariscamos cinco ou seis meses, pero coidamos e protexemos os bancos todo o ano»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

Santiago Cruz considera que ese traballo que se realiza explica as boas perspectivas coas que arrincará a campaña de Noia o vindeiro 26

18 sep 2022 . Actualizado a las 19:34 h.

O vindeiro día 26, se a toxina non o impide, arrancará unha das campañas marisqueiras máis importantes de Galicia, a de Noia. Aínda que as perspectivas son boas, pois os estudos realizados constataron que hai moito bivalvo e de boa calidade, para acadar ou superar a facturación do ano pasado, uns 17,5 millóns de euros, teñen que darse outros condicionantes. Por iso o patrón maior da confraría local, Santiago Cruz, mira con ansia cara esa xornada na que os rastros volverán aos areais, pero tamén con certa cautela.

—Cantos profesionais van participar nese arranque da campaña?

—Estamos por riba dos 1.700, sumando as catro confrarías que participarán: Noia, Porto do Son, Portosín e Muros. É unha cifra un pouco superior á do ano pasado, que confirma que se trata dunha campaña punteira na comara.

—Cales son as expectativas?

—A nivel de cantidade de recurso, son moi boas. Hai moito berberecho e bastante ameixa babosa e xapónica. Fina hai menos ca o ano pasado. As perspectivas son altas, pero hai outros factores que van influír, como a toxina, os prezos que acade o marisco ou as posibles riadas de novembro e decembro.

—De que dependen os prezos?

—Quen marca aquí os prezos podemos dicir que son as conserveiras, que son as que mercan o 80 % do berberecho. Nesta ocasión hai sobre 20 interesadas. De feito, este mércores enviarémoslle mostras para que poidan ver o rendemento da vianda na lata. Diso vai depender o prezo ao que paguen o produto.

—Tendo en conta esas boas perspectivas, pode dicirse que a ría de Noia se salva desa tendencia xeneraliza de descenso da produción marisqueira?

—Desde logo, en Noia non notamos ese descenso. En canto ao berberecho, a cantidade é similar á do ano pasado e babosa hai moita máis.

—A que se pode deber que Noia sexa unha excepción?

—Nós traballamos nos bancos marisqueiros todo o ano. Levamos dous meses retirando algas e sacamos uns 200 tractores. Houbo lanchas con 600 nasas recollendo depredadores ao longo de seis meses, indo de luns a venres. Aquí mariscamos cinco ou seis meses, pero coidamos e protexemos os bancos todo o ano. Penso que ese pode ser un dos segredos, aínda que tamén influirán as condicións da ría en si e o seu substrato.

—Hai entón unhas boas perspectivas de futuro...

—Hai que ter sorte tamén cos desoves. Nós agora mesmo temos moitísima cría e se hai cría, hai futuro. Non só é necesario ver o bivalvo grande, tamén hai que mirar cara o pequeno, porque é o que vai marcar o éxito ou o fracaso das próximas campañas.

—A gran ameaza de cada campaña, a presenza de toxina, é imposible de prever?

—É imprevisible, o que máis pode influír, segundo os investigadores, é a presenza de algas en descomposición na zona exterior da ría. Sabemos que os niveles de toxina aumentaron un pouquiño estes últimos días, pero non tanto como para alarmarse. Hai que seguir controlando.

—Ve factible que esta sexa unha campaña histórica?

—Todo vai depender dos prezos e da toxina, porque podes ter o recurso e que despois non paguen por el o suficiente para acadar as cifras de facturación de anos pasados, pois aquí chegamos aos 19 millóns de euros nalgunha ocasión. A experiencia ensínanos que hai que ser cautos. A campaña pode ser histórica se os prezos acompañan e nos libramos da toxina e das riadas. Claro que tampouco podemos sobreexplotar os bancos, sempre hai que deixar un 15 ou un 20 % do marisco na praia para que desove e garantir así o futuro.

—Habería posibilidade de que participaran máis mariscadores na campaña ou xa se está no límite?

—Quizais poderiamos sumar sobre 40 mariscadores, pero capacidade para moitos máis tampouco creo que teñamos.

«Non chega con ter o mellor produto, hai que dalo a coñecer, por iso investimos en promoción»

Aínda que o proceso de recollida do bivalvo é fundamental, os pasos seguintes tamén inflúen no éxito ou no fracaso dunha campaña marisqueira. Por iso Santiago Cruz considera fundamental seguir incidindo no eido da promoción.

—Está asentado xa o selo de calidade do berberecho de Noia?

—Consideramos que si, pero seguimos traballando na divulgación do produto, asistindo a feiras e salóns, e tamén dándollo a coñecer a prestixiosos cociñeiros. Non chega con ter o mellor produto, hai que dalo a coñecer, por iso investimos en promoción.

—Cal é o segredo do éxito do berberecho de Noia?

—O berberecho de Noia é sinónimo de calidade, está cheo e é moi saboroso, quizais debido ao substrato da ría ou á confluencia de varios ríos que propician unha mestura de auga doce e salgada. A zona da Misela ten as pezas máis grandes.

—Consolidado ese selo de calidade, cara onde hai que tirar?

—Temos que mirar cara Europa a nivel de promoción, participar en actos fóra de España, dándolle a coñecer o produto a cociñeiros de diferentes países. Eses son os obxectivo de cara ao vindeiro ano.

—Pode ser arriscado orientar todos os esforzos cara un produto, neste caso, o berberecho?

—Penso que no noso caso é acertado, porque o berberecho supón o 70 ou o 75 % da nosa facturación. Tamén é certo que temos moi boa ameixa e quizais nun futuro toque tamén traballar na súa promoción.

—Seguen a ser os vertidos á ría un problema grave?

—Os vertidos sempre son un problema e aí as diferentes administracións debería esforzarse en solucionalo. É preciso mellorar a calidade das augas, porque a calidade do noso produto depende diso. É certo que se foron eliminando puntos negros, pero hai que esixir máis. Acabar con todos é a gran materia pendente dos políticos.