Os mozos xornalistas de Noia sacan á luz un novo número de «Entrepontes»

m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

cedida


Os alumnos do IES Campo de San Alberto realizaron unha nova edición da revista

04 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Como vén ocorrendo ao longo dos últimos 24 anos, os alumnos do IES Campo de San Alberto aproveitaron o último curso para plasmar nunha revista parte do traballo feito, sobre todo aquel que xirou ao redor de temas de actualidade estreitamente relacionados co currículo. Así veu a luz un novo número de Entrepontes, unha publicación que recolle entrevistas, reportaxes e mesmo artigos de opinión nos que tamén colaboraron os mestres.

A presentación tivo lugar onte, nun acto que contou coa presenza de varios dos especialistas que se brindaron a ser entrevistados polos mozos xornalistas do instituto noiés. Alí estaban Juan Gómez, que lles falou aos estudantes sobre a candidatura do marisqueo da ría de Muros-Noia a patrimonio da humanidade; Begoña Fernández, catedrática da USC que estivo no instituto analizando o impacto dos cataláns no patrimonio; e Yanira Somoza, empresaria e antiga alumna do Campo de San Alberto que narrou a súa experiencia persoal.

Tamén interveu a mestra encargada da coordinación da revista, Chefa Lorenzo, que destacou os atrancos que tiveron que superar, por mor da pandemia, para continuar con este proxecto: «Non puido impedir o empeño de alumnado e profesorado en seguir adiante coas cousas que merecen a pena, que nos unen e nos axudan a conectar as aprendizaxes académicas coa vida que bule detrás das fiestras».