Ricardo Suárez repetirá como candidato do BNG á alcaldía de Noia

NOIA

cedida

Foi o único que presentou proposta e obtivo o apoio unánime da asemblea local

15 may 2022 . Actualizado a las 13:27 h.

O BNG de Noia vén de culminar o proceso de selección do candidato co que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do 2023, resultando elixido Ricardo Suárez, que obtivo o respaldo unánime da asemblea local.

O proceso comezara o 30 de abril, cando o consello local da formación acordou abrir un prazo para a presentación de candidaturas, que se prolongou durante cinco días, tal e como establecen os estatutos do partido. A única proposta que se presentou para liderar a lista do BNG de Noia foi a de Ricardo Suárez, que recibiu o apoio da militancia como unha mostra de continuidade dun proxecto co que a agrupación, según se indicou, está conseguindo conectar coa cidadanía «a través do traballo e da coherencia».

O representante nacionalista foi cualificado como «a persoa idónea para construír unha candidatura e un proxecto ambiciosos, que poidan ser motor de cambio dunha Noia que se atopa estancada co goberno actual». Do mesmo xeito, desde a agrupación recoñeceuse a «valía demostrada por Suárez» nos último anos como «un aval da súa capacidade para liderar o equipo do BNG nas municipais de 2023».

Pola súa banda, Ricardo Suárez agradeceu á militancia a confianza e o apoio, ao tempo que prometeu «traballo e esforzo para conseguir que o proxecto do BNG poida ilusionar á veciñanza noiesa». O xa candidato remarcou a necesidade de achegar mans e voces ao proxecto para poder cumprir «coa responsabilidade que temos por diante, que é conseguir un cambio cara a unha Noia con futuro».